- “Non clasificarnos para Toquio foi un pau moi grande pero fíxome confiar moito máis nesta embarcación, no K2”.
- “Cando deixe de padexar gustaríame dedicarme á investigación básica”.
Hai anos que o piragüismo de elite español fala galego, pero se hai un barco que vai ter ADN galaico nestes Xogos Olímpicos ese é no que van competir Sara Ouzande (Xixón, 1996), Estefanía Fernández (Mérida, 1996), Teresa Portela (Cangas do Morrazo, 1982) e Carolina García Otero (Pontevedra, 1999), protagonista desta conversa. Este póker de padexeiras vogarán no K4 na distancia de 500 m. Desde que acadaron o billete olímpico no Mundial de Duisburgo, onde asinaron o bronce, seguro que teñen marcado o 6 de agosto de 2024 no seu almanaque de referencia. Esa é a data na que comezarán a competir por chegar ao máis alto en París, por subir o chanzo máis elevado do podio olímpico.
Carolina García vai debutar nuns Xogos ao grande xa que o fará por partida dobre. Ademais de competir no K4 500 m fará parella con Sara Ouzande no K2 500 m. Xuntas levan moitos metros percorridos sobre augas tranquilas por moitas partes do mundo. Este verán quere escribir o seu nome na historia no Estadio Náutico Vaires-Sur-Marne que acollerá as probas desta modalidade. Non estará en París, xa que o campo de regatas de piragüismo atópase a uns 40 km da capital francesa.
– Empezaches no piragüismo con nove anos. Como chegas a esta disciplina deportiva?
Comecei en varios deportes, facía diferentes disciplinas. O meu irmán e o meu curmán decidíronse polo piragüismo e a min picoume o gusanillo. Fun detrás deles e compaxineino coa natación. Pero ao final cos estudos… para poder compaxinar as clases tiña que decidirme só por un deporte e finalmente quedeime co piragüismo.
E que fixo que elixises padexar e non nadar?
Gustábame pasar as tardes cos amigos de piragüismo. Logo de adestrar quedabamos sempre xogando un pouco. O ambiente gustábame moito. E xa tiña algún bo resultado de pequena. Estaba a miña curmá comigo e divertiámonos moito.
– No preolímpico de Toquio facías parella no K2 500 con Sara Ouzande, coa que agora compartes embarcación por partida dobre. Quedastes ás portas de conseguir praza por pouco máis dun segundo. É certo que falamos de probas de moita velocidade, pero supoño que foi quedar co mel nos beizos. Se cadra pode verse como unha aprendizaxe para chegar mellor a onde estades agora como deportistas?
Eu penso que nese momento eramos un pouco inexpertas. Non tiñamos moita idea do nivel que tiñamos. Iamos pasando probas e pensando “Anda, pois se cadra pódese conseguir!” Pero non eramos conscientes da situación. No momento dáche un pouco de rabia porque, claro, velo tan preto… Pero nós nos adestramentos realmente non eramos conscientes de que podiamos estar tan preto. Nese momento levamos un pau moi grande, pero penso que iso fíxome confiar moito máis nesa embarcación, no K2, ao ver que con moi pouquiño adestramento e sen adestrar xuntas foramos quen de conseguir iso. Así que si, probablemente ese momento nos levou a seguir e a día de hoxe volver tentalo.
– Nos últimos anos a túa carreira esta ligada á de Sara Ouzande, como é a vosa relación? Presumo moita complicidade.
A verdade é que a relación con Sara vai un pouco máis alá de ser só compañeiras. É unha persoa que estivo aí nos meus malos momentos. Apoioume sempre como se fose a miña irmá maior. O día a día sen ela sería terrible (ri). Ela é a persoa que nos fai rir, é a que anima o grupo.
Ademais de que no K4 é a líder que marca o ritmo, fóra da auga tamén fai que o equipo medre facendo os adestramentos máis divertidos.
A verdade é que a relación con Sara vai un pouco máis alá de ser só compañeiras. É unha persoa que estivo aí nos meus malos momentos. Apoioume sempre como se fose a miña irmá maior. O día a día sen ela sería terrible (ri). Ela é a persoa que nos fai rir, é a que anima o grupo.
– Este ciclo olímpico estivestes adestrando no Centro de Piragüismo de Verducido David Cal, como vos sentistes nese espazo e traballando en terras galegas? Sobre todo ti que volvías logo dun tempo lonxe da terra en Sevilla e Madrid.
Estiven en Sevilla catro anos pola carreira e un ano en Madrid, que foi o ano que Sara tampouco estaba comigo e fixemos o K2 un pouco lonxe. No momento no que nos chamaron para vir para aquí para Galicia eu, encantada. Era un pouco volver á casa.
Se cadra a medalla de Teresa foi o que deu o impulso para que se crease aquí o equipo. Penso que foi o mellor que nos puido pasar nese sentido porque foi crear un equipo, non de novo, pero si con outras actitudes e con outras ganas.
– Son os teus primeiros Xogos Olímpicos e chegas con moitas opcións de subir ao podio…
Agora non penso tanto nas opcións que hai, se non en ir adestrando día a día e sacando o mellor do barco e sobre todo os momentos nos que as cousas non van tan ben ir rascando tempos. Se o penso sei que podería haber opcións, pero estamos centradas no día a día.
– Íache preguntar cal é o obxectivo en París e como son as vosas sensacións, pero non sei se facelo se queres pensar no día a día?
O obxectivo é volver cunha medalla. Está claro. Adestramos para conseguila. Parece que queda pouco, pero hai moito traballo por facer e moitas cousas que pulir ou afinar para mellorar. Cando esteamos alí gozarémolo, pero agora estamos centradas no traballo.
Parece que queda pouco, pero hai moito traballo por facer e moitas cousas que pulir ou afinar para mellorar. Cando esteamos alí gozarémolo, pero agora estamos centradas no traballo.
– Compartes caiac con Teresa Portela no K4 500. Ela suma os seus sétimos Xogos, non sei se é de dar consellos pero seguro que algo vos transmitiu desde a súa experiencia.
Si, si. Iso está claro. Sobre todo neses momentos nos que non acabamos de atopar as sensacións ela sempre consegue buscar a maneira de transmitir o que pensa de tal xeito que poidamos conseguir mudar algo. E unha vez que estamos na liña de saída, polo menos a min, persoalmente, transmíteme moita confianza o saber que non falla nunca practicamente.
– Se cadra equivócome, pero teño para min que é moi posible que como padexeira galega tiveses como referente a Teresa Portela hai uns anos, que ela fose un espello no que mirarse, e agora… compartides retos e soño olímpico!
Foi ese caso. Cando empecei no Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) ela xa estaba indo aos Xogos, era unha persoa na que te querías fixar e copiar os seus comportamentos e as cousas que facía para ver se daba o mesmo resultado (ri). Sempre a admirei e intentei traballar un pouco coma ela, dentro do que cabe.
É moi boa persoa. Apóiome moito nela. Sabes que podes confiar nela. Vai facer o mellor para ti e non vai traizoar a túa confianza. Se lle contas algo vaite axudar. O que lle contas a Teresa non sae de aí.
Sempre a admirei a Teresa Portela e intentei traballar un pouco coma ela, dentro do que cabe. É moi boa persoa. Sabes que podes confiar nela.
– Poderías definirme nunha palabra a cada unha das túas tres compañeiras?
Teresa: perseveranza.
Estefanía: traballo.
Sara… é complicado deixalo nunha palabra… diría amizade e talento.
– Cursaches estudos de Biomedicina en Sevilla e tamén un máster de neurociencia. Se compaxinar formación universitaria e deporte de alto nivel adoita semellar complexo, facelo en disciplinas que, desde fóra, se ven densas semella máis duro aínda. Hai moito esforzo detrás de cada triunfo deportivo, pero seguro que tamén nesa formación académica.
Eu sempre fun unha persoa que non quixo deixar de lado os estudos. Tiven a sorte de escoller algo que me gustou. Pero é difícil chegar á casa cansa e cambiar o chip do adestramento e poñerte a estudar e avanzar nese ámbito. Pero é algo que me gusta e mentres poida facer as dúas cousas seguireino intentando.
Carolina García: “O meu maior anhelo deportivo é unha medalla olímpica”
– Queda moito para iso, pero cando deixes de padexar, veste na investigación ou en que ámbito da biomedicina.
Gustaríame dedicarme á investigación básica. Gustaríame ir por aí. Os mestres explicábannos os seus experimentos nas clases e parecíame moi interesante. Sempre faltan cousas que descubrir e teño moita curiosidade.
– Gustaríache traballar na pescuda de novos tratamento para algunha doenza en concreto?
Sobre todo nas procuras de novos tratamentos, por exemplo, en enfermidades neurodexenerativas para as que aínda se poden buscar novos tratamentos. Son ámbitos nos que hai algo que é novo e que aínda non se sabe.
– De volta ao deporte, cal é o teu maior anhelo deportivo?
Unha medalla olímpica.