Carlos Arévalo
Carlos Arévalo

Carlos Arévalo: “En Galicia estase apostando moito polo deporte e iso vese reflectido na xente que temos”

  • A min o piragüismo fíxome como persoa. Todo o que son, o que fago e a miña vida vese reflectido polo deporte que levo practicado dende que son neno
  • No club do que son eu, do Ría de Betanzos, estou vendo aos rapaces enganchadísimos, temos máis xente ca nunca
  • Segundo baixamos a adestrar, xa nos están montando todos os cabaletes das piraguas e póñennos o himno de España nada máis chegar.

O betanceiro Carlos Arévalo (1993) acode aos seus primeiros Xogos Olímpicos, pero faino por partida dobre. Competirá no K1 afrontando en solitario os 200m e tamén en K4 onde será un dos catro padexeiros que vogue o kaiak español nos 500m.

Tanto os expertos coma ti mesmo din que estás no teu mellor momento. Como encaras estes Xogos?

A verdade é que coa maior ilusión e gañas posibles. Estou nun momento de forma bo, atópome moi ben, nunhas condicións moi boas e creo que podo loitar por estar moi adiante e loitar por unha medalla.

En Río 2016 quedaches ás portas e agora si vas a Toquio. É un resarcimento? Vas con máis forza?

Si. En fin, no deporte unhas veces gáñase e outras pérdese. Hai que saber levar tanto unha coma outra. Ás veces cando perdes aprendes a levalo mellor para gañar e cando se gaña tamén se aprende á inversa. Entón, foi un moi bo ciclo. Conseguín o meu obxectivo que era estar clasificado para Tokyo e agora atópome no momento en que só me quedan dúas semanas practicamente para dar o paso e dar o 100% para estar alí, para loitar pola final.

De feito, todo o mundo di que ti podes ser un dos galegos que traia unha medalla para casa, notas esa responsabilidade? É dobre presión?

A ver e que o k4 que temos é un k4 moi potente. Está un cuádruplo medallista olímpico, está un campión olímpico, está un diploma campión do mundo e de Europa… Eu tamén teño resultados bastante bos e temos un barco que vén de facer moi bo ciclo olímpico, de quedar subcampión no último clasificatorio e campión desta última copa do mundo.

Os resultados din que podemos estar aí, loitando pola medalla pero non queremos relaxación nin dar nada por feito nin despistarnos un segundo porque isto é piragüismo e cada pada conta.

Volvendo a Río, foi precisamente cando non te clasificaches cando decidiches alistarte no exército. Como foi esa decisión e por que esa carreira profesional?

Pois estaba nun momento da miña vida que non sabía por onde tirar, dando voltas e dixen, teño que buscar unha carreira profesional para ter unha estabilidade e á vez compaxinalo co deporte. Así que entrei nas Fuerzas Armadas, fixen o período de instrución, volvín co equipo nacional e aos poucos meses de volver a concentrarme tiven unha praza nunha Copa do Mundo e entón dixen: Ui, esto pode ir para diante! No cuartel déronme unhas facilidades tremendas para compaxinar a vida militar co deportivo e viuse no resultado, que foi moi bo. Puiden dar o cento por cento, aprendín moitas cousas tamén aí dentro que me serviron para o deportivo.

Por exemplo?

Por exemplo a disciplina, os horarios, facer caso cando non queres facer as cousas (di sorrindo) e sobre todo o esforzarme e loitar polas cousas con moita ilusión. Dar o 100% en todo o que fas. Son valores que van moi da man e iso ao final fixo que poida estar nestes Xogos Olímpicos.

Rodrigo Germade e Carlos Arévalo no Mundial de Szeged - FG PIRAGUISMO
Rodrigo Germade e Carlos Arévalo no Mundial de Szeged – FG PIRAGUISMO

Os piragüistas non competides ata dentro duns días, este tempo en Tokyo xoga ao voso favor?

No piragüismo hai que adaptarse con tempo. Nun deporte como a natación é o mesmo, vaise meter nun pavillón, pero nós non. Nós ademais de aclimatarnos ao clima, temos que aclimatarnos á auga.

Como o noso medio de transmisión é a auga, a forma de padear cambia.

Isto non é o Mandeo

Non, non, está a auga un pouco máis quente.

Explícanos a diferenza. Que implica que a auga sexa outra?

Pois sobre todo a flotabilidade da piragua, que flota un pouco máis. Tamén a dureza que ti notas cando metes a pa na auga, porque se agarra máis porque a auga está más branda e custa menos o agarre e a velocidade, é máis rápida a auga quente. Desde que eu dou unha pada, o avance que fai a piragua ata que dou a seguinte, igual teño unha coordinación para facela a esa velocidade, pero se a velocidade é superior, teño que adaptarme a iso.

E niso estades estes días.

Si, estamos facendo adaptación ao tempo, clima e auga.

Imos pensar que levades a medalla, a quen lla dedicarías ou en quen pensas nese momento.

Pois se houbese unha medalla, que non quero vender a pel (do oso) antes de cazalo, creo que miraría para atrás e pensaría en todo o que pasei desde que empecei neste deporte e ver o que me levou a conseguir ese obxectivo. E agradecerllo a todas as persoas que estiveron ao meu lado. Non o sei, ata que non se viven esas cousas, non se sabe o que se sente. Oxalá poidas volver a preguntarmo nunhas semanas.

Este é o ano que máis deportistas galegos temos nuns Xogos. A que cres que se debe? Hai algunha relación entre vós na vila Olímpica?

Nós estamos moi illados, pero no k4 somos dous galegos, Rodrigo Germade e eu. Ao final en Galicia estase apostando moito polo deporte, está funcionando moi ben o tema de axudas, bolsas, e empurrar o deporte e iso vese reflectido na xente que temos. Por exemplo, en piragüismo somos 4 galegos e iso é unha presenza moi grande do deporte galego. Galicia ten practicamente a metade de todas as licencias nacionais e é un deporte moi potente porque Galicia sempre aposta e sempre se ve recompensada por iso.

Que che ensinou a ti o deporte en xeral e máis en concreto o piragüismo?

A min o piragüismo fíxome como persoa. Todo o que son, o que fago e a miña vida vese reflectido polo deporte que levo practicado dende que son neno. Todas as miñas amistades veñen dadas polo deporte, a miña familia téñoa enganchada…

A nivel igualdade entre sexos, como ves a evolución no deporte e máis en concreto no piragüismo en concreto?

Eu só podo falar do piragüismo que é o que coñezo e agora mesmo somos dous galegos e dúas galegas. A verdade é que o piragüismo é un deporte no que temos as mesmas prazas homes e mulleres, as mesmas oportunidades, o mesmo. E vexo que hai unha paridade total. De feito, estanse empezando a facer incluso probas mixtas e probas e campionatos do mundo.

Como animarías as novas xeracións a involucrarse no deporte?

O primeiro é que desfruten co deporte. O primeiro que teñen que facer de pequenos é ir alí, desfrutar e pasalo ben. Eu, por exemplo, no club do que son eu, do Ría de Betanzos, estou vendo aos rapaces enganchadísimos, temos máis xente ca nunca. Non sei se haberá preto de cen infantís, cadetes… unha loucura! O que se ve é que cando se fai unha boa piña, fanse amizades e grupo, pásalo ben e despois de pasalo ben empezan os piques, que sempre levan a mellorar.

E a competir!

Si, si, o pique san.

Estes Xogos Olímpicos son moi diferentes pola pandemia. Como o estades vivindo alí?

O que máis notamos é que estamos moi illados. Temos unha especie de seguridade xaponesa que nos seguen a todos os lados, súper educados e correctos, porque non podemos saír por aí á rúa porque está prohibido.

Estades como nunha mega gran burbulla.

Si pero pórtanse moi ben con nós. Por exemplo, eu agora vou baixar a cear, segundo baixo, xa están todos esperándonos na porta, saúdan, vannos conducindo aos sitios, dan as grazas por todo, estou bebendo un vaso de auga e segundo o acabo xa mo están enchendo de novo.

E como que se ve que a súa cultura é así. Queren que estea todo ben, todo perfecto e súper detallista. Por exemplo, imos adestrar e segundo baixamos xa nos están montando todos os cabaletes das piraguas, póñennos o himno de España nada máis chegar… Ata nos deixaron uns quimonos nas habitacións e con eles un texto en castelán de como poñelos correctamente.

Compartir en