- “Sabemos por como chegamos que podemos loitar polos metais, sobre todo en K-4”.
- “Desde o 2019 que levamos estando en podios ata o día de hoxe seguimos traballando para acadar ese ansiado ouro olímpico”.
O betanceiro Carlos Arévalo, fillo predilecto da coruñesa Cidade dos Cabaleiros, achégase con mentalidade gañadora a uns novos Xogos Olímpicos, e van tres! Nomeadamente no K-4 500 m as aspiracións son altas para o cuarteto. Comparte barcos co tamén galego Rodrigo Germade, vogarán xuntos tanto no K2 – 500 m ,como no K4 – 500 m.
– Como chega Carlos Arévalo a estes xogos de París logo deste ciclo olímpico?
Pois con moitas ganas, nun momento moi bonito. É un ciclo olímpico despois de acadar unha medalla, chegamos con ese reto de loitar por ese ouro en K-4 e traballamos moi duro durante estes anos neste tempo despois de Toquio, que foi un ciclo máis curto do normal, xa que foron tan só tres anos.
Chegamos coa mentalidade de ir a por todas, atópome nun gran estado de forma.
– Cales son as túas aspiracións en cada unha das dúas categorías?
Medalla, por suposto. Sabemos por como chegamos que podemos loitar polos metais, sobre todo en K-4, onde os tempos están saíndo moi ben e estamos atopándonos xenial a nivel físico e anímico, así que creo que podemos loitar por ese podio.
Carlos Arévalo: “Rodrigo e eu entendémonos moi ben”
– Como funciona o tándem Rodrigo Germade – Carlos Arévalo?
Entendémonos moi ben, a verdade. Levamos moi pouco tempo traballando xuntos, pero a combinación está sendo moi boa e están saíndo moi bos adestramentos. O día da competición é cando se teñen que amosar as cousas, pero as sensacións son excelentes.
– Saúl Craviotto, Marcus Cooper, Carlos Arévalo e Rodrigo Germade, falamos dun cuarteto que pode semellar garantía de éxito, non si?
Ese K-4 ten un pouco máis de ‘soleira’ xa, pero ben, hai que facelo ben igual, xa que as medallas e os resultados non se agasallan. Detrás hai un esforzo e un traballo tremendo que levamos a cabo no día a día e a sincronización é absoluta. Desde o 2019 que levamos estando en podios ata o día de hoxe seguimos traballando para acadar ese ansiado ouro olímpico.
– Despois de acadar una prata nos Xogos Olímpicos de Toquio, existe unha presión engadida para conseguir de novo un metal ou é unha motivación?
Un pouco de ambas. Ao final a presión de loitar polo metal está aí, pero principalmente queremos facelo o mellor posible pola motivación que temos. Eu adestro no día a día para atopar a miña mellor versión e acadar os resultados que me propoño, así que esa ilusión e esa presión xúntanse para chegar a ese obxectivo.
– Hai diferenza de preparación entre os primeiros e os terceiros xogos?
Máis que en preparación, a experiencia de como afrontar a temporada e o día a día. Cada temporada é unha cousa nova. O que che proporciona a estabilidade para chegar ben a unha cita así é a experiencia. Agora vou chegar a París, con 30 anos, como unha persoa e como un deportista moito máis maduro. Isto, se o sumas a compañeiros como Saúl, Rodrigo ou Marcus, fan que todo sexa moito máis sinxelo.
– Cal é a diferenza emocional entre os teus primeiros xogos e os terceiros xa?
Aos teus primeiros xogos ao final vas con esa ilusión e ese afán por descubrir o que van ser uns Xogos Olímpicos. Moito tempo estás nunha nube, non sabes como vas reaccionar, como vai ser todo. Agora, non obstante, xa vou coa lección aprendida e non me vai coller ningunha sorpresa. Sei como van ser os diferentes momentos para cada competición, e iso é unha gran vantaxe e unha experiencia engadida.
– Canto tempo levas preparando estes Xogos Olímpicos?
Pois como tal, desde que remataron os Xogos Olímpicos de Toquio 2020. Unha vez finalizado Toquio, nós xa nos propuxemos o seguinte obxectivo, que é París. Desde ese momento, os nosos adestramentos xa se centran en chegar no mellor momento posible a esta cita.
– É Betanzos un bo sitio para ser padexeiro ou padexeira? Apóstase por este deporte alí?
Si, por suposto. É un lugar moi axeitado para o deporte e para a práctica do piragüismo. As condicións que alí reunimos, tanto no río como na ría, proporcionan a gran presenza de padexeiros, pero sobre todo no deporte base, que está crecendo un montón nesta zona, como en toda Galicia, onde o deporte a idades temperás non fai máis que medrar. O traballo que se está a facer neste ámbito é excelente.
– Cal foi o teu referente ao comezo da túa carreira?
Cando empecei de cativo eran os meus compañeiros do club. Eu era moi pequeno, e vía como a xente que remaba comigo ía a campionatos de España e sacaban metais, polo que eu quería ser como eles.
Unha vez comecei a crecer e ver un pouquiño máis de mundo, tanto David Cal como Saúl Craviotto eran os meus ídolos.
– Probaches noutros deportes?
Si claro, comecei facendo natación, fútbol… E menos mal que deixei o fútbol (risas), pero practiquei deportes de todo tipo.
– Cales son os valores que destacarías do piragüismo á hora de influír no crecemento educativo para os mozos e mozas?
O piragüismo achega unha cousa moi importante como é o sacrificio. Neste deporte, por moi boas cualidades que teñas, se non te esforzas, se non adestras, por moi boa xenética que teñas, nunca vas chegar a ser un bo deportista. Por iso achega unha serie de valores como o traballo, o esforzo e a dedicación que creo que enganchan, como o compañeirismo e as amizades que saen deste deporte.
– E xa para acabar. Veste chegando aos Xogos Olímpicos dos Ánxeles?
Por suposto, agardo non retirarme tan pronto, se non mira a Saúl Craviotto que aínda segue e aínda vai estar el tamén nos Ánxeles (risas).