Caetano Horta estará en París 2024 / BALINTCZUCZ Y FER
Caetano Horta estará en París 2024 / BALINTCZUCZ Y FER

Caetano Horta: “Imos a París enfocados en traer un metal para Galicia e para España”

  • “A miña relación con Denís é unha peza fundamental, formamos un dobre moi especial”.
  • “No deporte necesítase moita constancia e esforzo, non vas ser o mellor por talento natural”.
  • “Irán moitos amigos e familia a París, será moi especial telos alí”.

 
Con determinación e audacia afronta Caetano Horta (Noia, 2003) os seus segundos Xogos Olímpicos. O remeiro non esconde as súas expectativas ambiciosas para París 2024 e apunta ao podio, froito dunha preparación perseverante e do rendemento que está a acadar a nivel competitivo xunto co seu compañeiro no dobre scull lixeiro, o catalán Denís Carracedo.

O deportista proclamou ese mesmo vaticinio nun dos actos máis emotivos que viviu este ano: a concesión da Medalla de Ouro do Concello de Noia. Alí levou a gran ovación da súa veciñanza, que o acompañará tamén na capital francesa para que sinta o calor galego en cada pada.

Co vigor da súa mocidade e a constancia que mantén desde que sendo cativo comezou a remar, Caetano Horta está decidido a facer historia para Galicia nun deporte que leva en vea.

– Estes serán os teus segundos Xogos Olímpicos, con que expectativas os afrontas? Despois do diploma toca metal ou imos partido a partido?
París afróntoo, despois do diploma de Toquio, e tal e como estamos a render ultimamente a nivel mundial, con posibilidades reais de todo. Imos enfocados nunha medalla, no caixón máis alto do podio. Pero realmente, como todas as competicións que facemos, o nivel que haxa poñeranos no sitio. O obxectivo é ese, intentar traer un deses metais preciosos para Galicia e para España.

– Da experiencia vivida en Toquio, tanto competición como ambiente, que é do que mellor recordo tes?
A verdade é que todo foi espectacular alí. Por unha parte, a cerimonia de apertura, que, aínda que non houbese xente, o feito de estar aí cos mellores deportistas do teu país e rodeado dos mellores do mundo xa é espectacular. A vila olímpica foi unha barbaridade, estar alí convivindo, os edificios de cada país, o comedor enorme… E teño moi bos recordos tamén da competición, unha pista moi especial alí na que xa competira dous anos antes no mundial júnior e transmitiume unhas sensacións moi boas e máxicas.

Caetano Horta estará en París 2024
Caetano Horta estará en París 2024

– Como é un día tipo no teu adestramento para París?
O meu día vén sendo o mesmo en case toda a tempada. Adestramos seis días á semana, dúas ou tres sesións ao día. Na fase final facemos dous días de series á semana e finalmente xa tres, con ritmos de competición, de alta intensidade. E o domingo toca descanso.

– A túa modalidade necesita un entendemento total co seu compañeiro, como é a vosa relación?
A miña relación con Denís é moi boa xa desde antes de ser compañeiros de equipo. É unha das pezas fundamentais que a combinación nosa vaia tan ben. Non só nos entendemos dentro do barco, tamén fóra. Desfrutamos un do outro, acompañámonos cada un coas súas fortalezas e isto fai que sexa un dobre moi especial.

Caetano Horta: “Mentalmente son moi forte”

– Que cualidades te definen como deportista? Como describirías a Caetano Horta?
Como calquera deportista top, considérome que mentalmente son moi forte. Custa moito loitar contra min se estou a un bo nivel. Consigo adestrar e competir moi ben. No ámbito físico, aguanto moi ben o nivel dos adestramentos na fase de volume, desde pequeno estou acostumado a un grao alto de adestramento. E coa miña idade, iso xoga ao meu favor.

Caetano Horta estará en París 2024 / BALINTCZUCZ Y FER
Caetano Horta estará en París 2024 / BALINTCZUCZ Y FER

– O remo é un deporte que necesita moitísimo esforzo e constancia. Como animarías a un rapaz a probalo? Que beneficios che trouxo a ti na túa vida?
Calquera deporte supón moito esforzo e constancia se queres ser bo, en ningún por talento natural vas ser o mellor. A un rapaz diríalle que se lle gusta o deporte acuático, ou coñece a alguén que o practique, que se anime a probalo, que busque o que máis lle guste.

Os beneficios que me trouxo a min o remo son todos. Levo remando moitos anos e teño moitos colegas dentro da selección que son xa case irmáns, a miña parella actual, viaxes, moita experiencia de vida.

Calquera deporte supón moito esforzo e constancia se queres ser bo, en ningún por talento natural vas ser o mellor.

– Os Xogos son relativamente preto de Galicia, haberá unha pequena Noia en París?
Temos sorte que son os Xogos máis próximos desde hai moito tempo e a futuro vista os que máis preto da casa van estar. Irán moitos amigos e familia, será moi especial telos alí.

Compartir en