Caetano Horta Pombo e Manel Balastegui doble scull lixeiro de remo - EFE Kai Fösterling
Caetano Horta Pombo e Manel Balastegui doble scull lixeiro de remo - EFE Kai Fösterling

Caetano Horta: “Creo que son dos remeiros de España que máis afección ten detrás e iso dáme forza de verdade”

  • “Desfilar na cerimonia de apertura foi espectacular, de pel de galiña”

Caetano Horta Pombo (Noia, 2003) debuta nuns Xogos Olímpicos aos seus 18 anos cunha inmensa ilusión. Xunto con Manel Balastegui, de 21 anos de idade, compite en remo na modalidade de dobre scull de peso lixeiro sen apenas tempo de preparación conxunta ao terse definido a parella en abril, no Campionato de Europa, e ao impedirlles a covid acudir á Copa do Mundo. Horta afronta Tokyo 2020 con gran sensatez e consciente de estar a vivir unha experiencia inigualables. Os folgos que lle chegan desde Galicia, asegura, danlle a forza necesaria para o desafío.

A túa modalidade esixe unha compenetración absoluta co teu compañeiro, Manel Balastegui. Como foi a súa integración nos meses que levades?

A integración tivo que ser moi rápida, sobre todo as primeiras semanas para poder facer un bo Campionato de Europa, no que se ía decidir se eramos o dobre para Tokio . Tivemos que adaptarnos en menos dun mes e a verdade é que os dous conseguimos facelo ben porque levamos unha idea de remada moi similar e entón foi bastante fácil, entre comiñas. Desde o Campionato de Europa, en abril, pouco a pouco progresamos e seguimos mellorando en cada adestramento que faciamos.

Cóntanos como foi o día que soubeches que irías aos Xogos. En que pensaches? Como o viviches?

Realmente tiven que pasar varias fases ata saber que ía estar 100% en Tokio. O primeiro corte foi o selectivo nacional, no que acadei a praza para ter opcións de estar no dobre. O punto no que resultou fixo foi o Campionato de Europa no que tiñamos que quedar entre os oito primeiros para que Manel e eu fósemos o dobre. Quedamos sétimos e ese foi o día sinalado. Custoume bastante aínda darme de conta. Déronse antes de conta na casa que eu. Eu estaba en plan “fixen a miña regata” pero non era consciente de que estaba na lista para ir aos Xogos Olímpicos.

Caetano Horta Pombo e Manel Balastegui doble scull lixeiro de remo - EFE Kai Fösterling
Caetano Horta Pombo (con gorro) e Manel Balastegui dobre scull lixeiro de remo – EFE Kai Fösterling

Como afrontaches o contaxio por COVID-19 a tres meses do inicio dos Xogos? Foi duro o cambio no adestramento?

Foi un momento moi duro. Primeiro colleuno o noso adestrador, logo eu e máis tarde Manel, nun momento clave da tempada, con dúas Copas do Mundo por diante, que ían ser dúas competicións moi importantes para saber onde estabamos a nivel mundial e non puidemos ir. Eu estaba illado nunha habitación en Banyoles, foron momentos duros. Non me apetecían nin as redes sociais nin falar con ninguén. Pero creo que saímos máis fortes, sobre todo mentalmente, e con moitísimas ganas.

Con ese impedimento de competir nos campionatos mundiais que estaban previstos para antes de Tokio, como cres que afrontaredes a proba? Que metas te marcas?

Non puidemos participar por culpa da COVID-19 e viñemos un pouco a cegas, centrándonos na velocidade que marcamos en Banyoles, no barco e nada máis, eran as únicas referencias. A proba afrontámola con moita ilusión e moita garra de ir a por todas. Nós temos as ideas moi claras e a cabeza moi amoblada para ir a polo noso. Así foi na primeira regata, fomos en segunda posición ata os 1.500 metros. Temos agora boas posibilidades para estar na final e hai que demostralo.

Cando recibes o calendario e ves que o teu debut nos Xogos comeza pronto, poucas horas despois da apertura, que pensas? Mellor así polos nervios ou preferías máis adiante?

Eu prefería que houbese polo menos un día entre a cerimonia de apertura e a regata. Pero aínda así puidemos ir ao desfile e foi un momento espectacular, de pel de galiña. Tampouco nos cansamos moito, desfilamos e xa volvemos para a vila.

Tes o teu pobo, Noia, entusiasmado coa túa presenza en Tokyo 2020. Sentes unha responsabilidade por representalo, ao igual que a Galicia, nunha cita mundial como esta? Dáche iso maior forza?

A verdade que o meu pobo, a miña familia, están súper entregados. Creo que son dos remeiros de España que ten máis afección detrás, tan unida, xa o demostraron no mundial de hai dous anos en Tokio, que montaron unha boa cando remei. Estou moi orgulloso de todo o que fan, os ánimos que me mandan é algo incrible. Non me dou conta aínda de todo, pero os vídeos que me pasan de todo o mundo entusiasmado, as pancartas por Noia, dá forza de verdade, é algo que se vive unha vez.

Caetano Horta Pombo e Manel Balastegui doble scull lixeiro de remo - EFE Kai Fösterling
Manel Balastegui e Caetano Horta Pombo (con gorro), dobre scull lixeiro de remo – EFE Kai Fösterling

Como estás levando a vida na Vila Olímpica? Como é o teu día?

A vida na vila é bastante tranquila, entre que vas á túa habitación, ao comedor e ao campo de regatas. Estás convivindo con todos os deportistas do mundo, é espectacular ver os máis famosos. Aquí poderíase estar vivindo durante moito tempo.

O olimpismo promulga os valores como camiño de vida. Agora que es olímpico, que lles dirías aos nenos e rapaces que desexan ser deportistas como ti? Cal é a receita?

Vivir unha experiencia como esta penso que vai cambiar un pouco o meu pensamento, é algo único. Isto é especial e vale a pena traballar durante os anos que faga falta para poder estar aquí. Eu son moi novo e realmente non tiña en mente Tokyo 2020 pero cando se puxo no meu camiño vin a por todas. Sen dúbida quero estar en París e nos seguintes, se se pode, tamén.

A mensaxe para os rapaces é que de momento desfruten do deporte que lles guste, ter un pouco de disciplina e pouco a pouco traballar con máis calidade, gañando en experiencia. Estar aquí é unha maldita loucura e ogallá o puidese vivir moita máis xente.

Compartir en