Belén Toimil no Silesian Stadium de Chrzow - BELÉN TOIMIL IG
Belén Toimil no Silesian Stadium de Chrzow - BELÉN TOIMIL IG

Belén Toimil: “Teño un sentimento de frustración por non ter feito unha competición boa xusto cando remata a tempada”

  • “A nivel de planificación estaba moi ben, por iso dáme máis rabia que non saísen ben as cousas nos Xogos”
  • “No meu caso e no meu deporte non percibín desigualdades de xénero, pero se nalgún momento notara algo, faríame oír”. 

Para Belén Toimil o último ano foi unha explosión de sentimentos e de éxitos deportivos, só lle faltou, a guinda na torta: os Xogos Olímpicos. A súa evolución foi sideral. E todo a raíz de tomar a decisión de mudalo todo e case, case, empezar de cero. Logo dunha lesión no xeonllo opta pola técnica xiratoria para os seus lanzamentos. Un cambio radical que a levou a acadar as súas mellores marcas a lanzar por encima dos 18 metros e a estar en Tokyo 2020. Na súa mente xa están todos os retos internacionais que a agardan nesta tempada: dous mundiais, Europeo, Copa de Europa… Quere establecerse neses 18m e mellorar nesta nova técnica que tantas alegrías lle ten dado.

Este ciclo olímpico para ti ten sido o dos cambios, e para mellor. Toda unha revolución na túa vida e na túa traxectoria deportiva.

Si, totalmente. Pero aínda que todo o traballo suma, eu diría que sobre todo desde hai dous anos foi cando empecei o adestramento de calidade de cara aos Xogos Olímpicos. Lesioneime no xeonllo e non puiden traballar os cinco anos. Tiven paradas, estancamentos a nivel de marcas… Cando saín da lesión centreime xa nun traballo pensado para os xogos e xa este último ano foi un pouco a explosión. Foi unha tempada marabillosa. Na competición non puiden demostralo, pero só o feito de estar alí, as marcas que me deron acceso a estar alí, nuns Xogos, foi o ano do boom para min. No que se demostra o traballo feito.

Din que cando un fai sempre o mesmo consegue os mesmos resultados. Un bo día ti decides liarte a manta á cabeza e, como dicían na Bóla de cristal “desaprender o aprendido para volver aprender”. Cambiar todo o xeito de lanzar que levabas facendo desde nena por unha técnica diferente. Un cambio radical. Foi un cambio tan mental coma físico?

Si. De feito é un cambio mental desde dous puntos de vista. Por unha banda tes que recoñecer novas sensacións. Aínda que no lanzamento a fin sexa a mesma, ao mudar a técnica, mudas os xestos físicos pero mentalmente tes que lembrar sensacións. Require dunha concentración brutal para chegar a executalo ben no menor tempo posible. Pola outra banda, é tamén un traballo mental o traballar a confianza. Levas anos facendo o mesmo e sabendo que poderías chegar a ter uns resultados nun tempo relativamente curto, pero tócache traballar a paciencia para aprender algo novo, os resultados van saír en máis tempo, non van saír nun mes. Tes que confiar no proceso aínda que non obteñas resultados dun xeito inmediato.

Belén Toimil - MIGUELEZ TEAM - RFEA
Belén Toimil – MIGUELEZ TEAM – RFEA

Tamén mudaches a túa alimentación. Todo suma no deporte cando o noso corpo é a nosa ferramenta de traballo. Cada vez son máis as persoas deportistas que traballan con equipos multidisciplinares, adestradoras/es, preparadoras/es físicos, nutricionistas, psicólogas/os deportivos…

Cando cambiei a técnica empecei tamén a ir a unha nutricionista. Dei un cambio brutal pero foi máis aló. Xa que cando fun a Toquio traballamos o tema da hidratación. Toda a suplementación, a hidratación para estar ben traballámolo, e nótase moitísimo. Haino que planificar como fas cun adestramento de forza ou de técnica, ao final é ter a punto a maquinaria, é a gasolina que lle metes ao corpo. É como a fisioterapia ou a psicoloxía deportiva, son importantes. Por exemplo, eu póñome moi nerviosa nas competicións, non polo feito de competir contra outras rivais, senon por demostrar o que son quen de facer. Saber xestionar as competicións, saber enfrontarse á incerteza de que sairá, confiar no traballo feito… todo iso antes afectábame máis e agora, cada vez vou mellor. É un traballo que leva tempo pero no meu caso é moi necesario. É un cúmulo de cousas que suman. Son pezas que poles e axudan.

Traballas, traballas, e empezan a caer marcas que, se cadra, non pensabas que chegarían tan pronto… Pensabas en Tokyo 2020 ou víaolo aínda lonxe con tanto cambio?

O meu adestrador si que o tiña en mente. El é sabio e leva moitos anos adestrando. Eu, como novata na técnica, era incapaz de visualizar a progresión. Non era obxectiva. Asaltábanme as dúbidas. Tíraste un mes e pico traballando e frústraste porque as cousas non saen. Chegan as competicións e non podes demostrar. Pero o meu adestrador aportoume a seguridade de que ao final, sairá. Sei que é verdade, sei que ocorrerá. Así, pouco a pouco estás máis tranquila. Pódeche saír un mes malo, como tras o Europeo de pista cuberta non daba pé con bóla e cheguei ao Campionato de España e acadei 18.53 m e fixen a mínima olímpica. E viña de lanzar 17 e pico. Estaba forte pero non ben tecnicamente. Hai que confiar, insistir e pensar que as capacidades están aí. Hai que confiar no proceso que está pensado para ter os picos de rendemento cando tocan. A nivel de planificación estaba moi ben, por iso dáme máis rabia que non saísen ben as cousas nos Xogos.

Belén Toimil no Silesian Stadium de Chrzow - BELÉN TOIMIL IG
Belén Toimil no Silesian Stadium de Chrzow – BELÉN TOIMIL IG

Este último ano foi un carrusel de logros e de sentimentos. Deuche tempo a asimilar que es unha deportista olímpica?

Si e non. Por unha parte estou moi orgullosa de ter ido aos Xogos. Obviamente se fun foi polo traballo que fixen este ano. Xa teño ata os aros tatuados (di en broma). É algo que levaba agardando desde que empecei, pero á vez estame custando desconectar a cabeza para poder valorar desde fóra todo o que acadei este ano. Estamos todo o ano enchufados en modo competición, adestrar. Fun a Mugardos a descansar e tamén custa, pero é preciso para volver adestrar outros 11 meses. Non podes dun día para outro desenchufar a cabeza.

Teño un sentimento de frustración por non ter feito unha competición boa, e xusto remata a tempada. E teño que mudar o chip cunha sensación desagradable, a de non terme feito coa ‘guinda’ do pastel. Ver as cousas desde fóra, falar con xente que non fai deporte, ou que non fai atletismo, pero que te ve e te apoia e está súper orgullosa de ti, pero ao mesmo tempo, ti non te sentes merecedora desas palabra por non estar completamente satisfeita de como rematou a tempada. Tes que pensar “Belén, deixa de pensar así. Mírao todo con perspectiva por que o que traballaches e o que conseguiches está xenial, mira o que tes conseguido!”. É a esixencia do deportista. Teño que descansar e desconectar e darme un pouco de recompensa e recoñecemento persoal eu a min mesma do que teño conseguido. Ás veces axudan as palmas nas costas a unha mesma. Logo volves a outros 11 meses sen parar e podes queimarte. Pode pasar se non o valoras. As persoas deportistas sempre queremos máis e iso é o que nos fai seguir pelexando.

Coa túa naturalidade tes conquistado a moita xente na redes sociais pero sobre todo a raíz do teu paso pola Resistencia, aínda andan á procura daquel panettone que lanzaches. A Belén Toimil que vemos na tele é a que se ergue cada mañá con optimismo. 

Inténtoo. Non me fales ata que tome un café (risas). Haiche días mellores e días peores. Poo xeral encántame rir e pasalo ben coa xente. Cando non me sae a técnica tamén estou máis irascible do normal. Como unha universitaria de exames (di en broma). Polo xeral encántame rir e pasalo ben.

Dá a sensación, desde fóra, de que es unha persoa que espreme a vida e as experiencias ao máximo, sen filtros. Es das que se a vida che da limóns, fas limoada?

Si. Tanto para ben como para mal gústame sentir as cousas moitísimo. Son así. Ao final é o que te levas.

Belén Toimil na recepción aos deportistas olímpicos
Belén Toimil na recepción aos deportistas olímpicos

Muller, deportista, gañadora… hai teitos de cristal ou micromachismos no atletismo?

No meu deporte nunca teño experimentado diferenzas por ser muller xa que é moi igualitario. Temos as mesmas posibilidades. No deporte non teño notado diferenzas. Pero en repercusión en medios, si. Se cadra ten que ver co tipo proba que fago. O lanzamento de peso se cadra non vende igual ca unha carreira. Obviamente cando batín o récord de España si que foi un boom. E si que se implicaron os medios. Eu, no meu caso e no meu deporte non percibín nada diso, pero son totalmente inclusiva, así que se nalgún momento notase algo, faríame oír.

Do primeiro que aprende unha persoa que se dedica ao deporte é a que se perde máis que se gaña e que despois dunha competición, gañes ou non, sempre hai outra. Sempre hai retos. Aínda lle dás voltas aos lanzamentos de Tokyo 2020 ou xa son auga pasada?

Téñoo moi recente, se cadra por non estalo procesando moi ben. Falo disto e sígome emocionando de rabia polo que podería ter feito. En marzo cando fun ao Europeo fixen a miña mellor marca persoal, a mínima para os Xogos, pero metinme nunha burbulla que non me permitía gozar do que tiña acadado, non rematara! Ao día seguinte tiña unha final. Non podía desfrutalo porque tiña que competir. Logo terminas e non podes parar porque non acabou a tempada. Ao final segues enchufada mentalmente e custa ver as cousas con perspectiva e valorar o bo que é. Dá pena porque pasou o momento e non o gozaches, pero é o que toca: aínda hai cousas que facer. Agora é cando procesas todo. É longo, non se fai o proceso dun día para outro, nin do bo, nin do malo.

 

Belén Toimil na recepción aos deportistas olímpicos
Belén Toimil na recepción aos deportistas olímpicos

Contamos contigo para París, pero que metas deportivas te marcas previamente?

Esta temporada hai dous mundiais, pista cuberta e aire libre. Para o de aire libre xa teño a marca mínima para asistir, é en Eugene (Estados Unidos), tamén hai Europeo ao aire libre en Munich, o mundial de pista cuberta é en Belgrado, hai Copa de Europa de lanzamentos, campionato Iberoamericano… Esta tempada hai moitas citas internacionais e importantes, como son os mundiais.

A miña intención é adestrar duro como este ano pasado para establecerme nos 18 metros e facer unha técnica máis regular, loitar por estar nas finais e facelo o mellor posible.

Compartir en