Os de París serán os segundos XX.OO. para a lanzadora Belén Toimil
Os de París serán os segundos XX.OO. para a lanzadora Belén Toimil

Belén Toimil: “En París vou escachar a bóla”

  • “Quero gozar da competición, quero sentirme competitiva, quero estar tranquila e lanzar a gusto. Ese é o obxectivo que eu levo a París”.
  • “O chasco que levei en Toquio foi moi grande. Fíxome sentir que era unha fracasada. Teño moito trauma con esa competición”.
  • “O que non tiña en Toquio é a regularidade que estou a ter este ano”.
  • No último ano mudou de adestrador e modificou a súa técnica de lanzamento, continúa a apostar pola xiratoria pero os xestos non son os mesmos.

 

París serán os segundos Xogos Olímpicos para a lanzadora de peso Belén Toimil (Mugardos, 1994). Hai anos que é a mellor lanzadora de peso en España. Nos últimos catro Campionatos de España o ouro foi dela. Ostenta o récord absoluto estatal desde xuño de 2021 cunha marca de 18,80 m.

Belén Toimil chega á cita olímpica nun gran momento de forma lanzando de xeito repetido por encima dos 18 metros. Ela mesma destaca nesta conversa a regularidade como un valor de cara a París 2024. Cando pisou o estadio olímpico en Toquio botouse a chorar. A emoción de todo o vivido que a levara a ese momento saíulle polos ollos. Cando o soño olímpico rematou, tamén agromaron as lágrimas como confesa nesta entrevista. Aos Xogos Olímpicos de París 2024 vai con toda a intención de gozalos e, así, dar a súa mellor versión deportiva.

– Antes de alcanzar a túa mellor marca cambiaches a túa técnica de lanzamento, a túa nutrición… Foi un cambio significativo o paso de lineal a xiratorio. O premio a darlle unha volta a todo foi o billete a Toquio. De cara a París mudaches algo desta vez, se cadra algo do adestramento, algo que non vemos?

Sigo lanzando xiratorio, pero o ano pasado, en xuño, practicamente hai un ano, cambiei de adestrador. Estiven 11 anos adestrando con Carlos Burón e cambieime a adestrar con Víctor Rubio, que é o adestrador de Carlos Tobalina e do resto dos meus compañeiros no CAR de León, onde sigo. Sigo lanzando xiratorio, pero a técnica cambieina moito. Se ves un vídeo meu lanzando hai un ano e un lanzando agora, vese que si, que é xiratorio, pero as posturas non son as mesmas… modifiquei a técnica.

Ao ser un deporte técnico non deixa de ser unha práctica e un intento de aprendizaxe constante. A técnica se é nova e a vas cambiando require de axustar xestos, timing, enganchar a bóla, buscar a efectividade do xesto. Custoume ao principio. De feito, como me cambiei en xuño do ano pasado, o mes e pico que me quedaba de tempada o ano pasado termineina cun novo adestrador e cambiando cousas. Pero dixen, canto antes me cambie antes me adaptarei para París.

Sacrifiquei os resultados de final de tempada do ano pasado, polo menos o Internacional da Copa de Nacións. Si, podía esperar a terminar a tempada, pero tamén tiña claro que quería cambiarme e era un mes e medio que perdía para prepararme para París.

Ao final foi un proceso. No inverno a verdade é que se deu moi ben. No inverno do ano pasado tiven un mal inverno. Este inverno fixen 18.23 e logo 18.38… Ao ter feito no inverno os 18.38, que era a mínima que pedía a federación para ir por ránking aos Xogos, pois xa foi quitarme un peso de encima e dicir, pois agora tranquilos porque estou a competir e estou en ránking. Iso deume tranquilidade para poder adestrar e prepararme ben para as competicións que viñan. E a verdade é que o notei.

O resultado do Europeo… vale que podería ser medalla, pero nunca quedara quinta nin fixera 18.43 nunha final internacional. Eu creo que é un bo resultado. Logo viñeron os 18.75 no Nacional e iso é un bo sinal. Estou moi contenta coa tempada que fixen. Foi por mor de facer moitos cambios.

– Chegar a Toquio foi todo un logro xa que os anos previos estiveron cheos de cambios para ti en moitísimos aspectos. E seguramente foi frustrante que unha vez alí, logo de tanto esforzo, as cousas non saísen como ti querías. Traballaches mentalmente volver a valorar todo o acadado e poñelo en perspectiva?

En competición son tres lanzamentos e pode pasar de todo, pero eu o que quero é non sentirme como me sentín na competición en Toquio. Eu estaba moi nerviosa, con moita presión, sabía que podía lanzar lonxe e non o gocei. Cando vas buscando unha marca concreta ou perseguindo un obxectivo de maneira moi obsesiva é moito máis  probable que non saia porque te tenses. E aínda encima non o pases ben.

Eu teño claro que lanzo ben cando estou tranquila, cando estou centrada nas miñas sensacións e na técnica. Non cando estou no círculo externo, como me di o meu psicólogo, que son as cousas que espera a xente de ti ou obxectivos que non dependan de ti.

Evolucionei ao longo destes anos e sobre todo doume conta de que todo o que adestramos e vivimos lévanos a ese momento, a esa competición. Pero que a competición non é o único que facemos, está todo o que hai detrás, toda a aprendizaxe, os adestramentos, a melloría… Ao final é tamén a seguridade que che dá dicir “teño o traballo feito e vou gozar da competición”. Quero gozar da competición, quero sentirme competitiva, quero estar tranquila e lanzar a gusto. Ese é o obxectivo que eu levo a París. Logo pode saír mellor ou peor, obviamente vou tentalo facer o mellor que poida, pero o chasco que me levei en Toquio…

En Toquio puxérame moitas expectativas e moita presión e caín de moita altura. O chasco para min foi moi grande. Fíxome sentir que era unha fracasada. Teño moito trauma con esa competición.

Puxérame moitas expectativas e moita presión e caín de moita altura. O chasco para min foi moi grande. Fíxome sentir que era unha fracasada. Teño moito trauma con esa competición. Estiven unha hora e pico chorando… Aínda este ano falando co meu psicólogo desa competición boteime a chorar. Para min foi o maior fracaso da miña vida a nivel competición. Os Xogos foron brutais, eu paseino moi ben. Cumprín o meu soño ao ser olímpica. Estou súper agradecida de que saíse todo como saíu ese ano e poder ir.

Pero se me centro só na propia competición para min foi horrible. Non quero ter ese recordo de París porque é o que me vou a levar. Si, levareime x posto ou x marca, pero o que me vou levar a nivel persoal é como me sentín na proba. E é o que logo vou lembrar e non quero chorar pensando, sabes? (sorrí)

Quero ir con esa mentalidade fría de dicir “isto é un premio, gózao e así sairán as cousas logo”.

– Máis aló do traballo que fas en pista, hai moitas horas de adestramento no ximnasio, traballo con peso, agachamentos, series, repeticións… Os que te seguimos en redes vemos como levantas ata 155 kg, pero cóntanos, como é unha semana de adestramentos de Belén Toimil?

O traballo que facemos en inverno, que é época de carga e de volume, non ten que ver co traballo que facemos en época de competición. No inverno facemos máis carga de quilos de repeticións, con moito peso e moitos exercicios de repetición de técnicas, de vivir o lanzamento en distintas partes para corrixir x parte e logo poñelo nun conxunto.

Cando chega a época de competición céntraste en estar explosiva, en facer menos repeticións pero con moitos quilos para facer esa reactividade e esa explosividade. O lanzamento non o debullamos tanto, facemos un quecemento e xa facemos o lanzamento de competición.

A min gústame máis, obviamente, o adestramento de competición, é máis curto, máis explosivo e non te deixa tirada no sofá, como o de inverno que che esnaquiza o corpo, pero ao final estás a construír todo o que necesitas logo para a época de competición.

Nunha semana estándar faría luns, martes, xoves e venres, técnica e pesas. Mércores e sábado fago forza aplicada, saltos, valos, multilanzamentos. Máis ou menos estruturámolo así. Se teño unha competición, o meu adestrador adapta o plan.

Estou contenta porque vai todo segundo o ritmo marcado. Agora é aguantar un mes máis e que saia en París.

– Entendo que tampouco é igual o traballo en pretempada que cando xa tes citas como a de París tan preto. Toda a preparación está enfocada a estar na túa mellor versión nese momento competitivo. Consideras que ese obxectivo está acadado. Chegas aos Xogos nun bo momento de forma física?

Si. atópome ben. A nivel explosividade atópome ben. É certo que á volta do Europeo tiven como un baixón de sensacións coa bóla, na técnica, pero iso vai e ben. De feito, no Nacional atopeime ben e uns días antes estaba chorando ao rematar as técnicas porque non me atopaba. Sen darte conta perdes as sensacións e non podes facer nada máis que seguir, e seguir e agardar que regresen. Vén e marcha só. Estaba un pouco raiada.

No Nacional volvín atoparme ben. Adestrando os días despois tamén. Estou contenta porque vai todo segundo o ritmo marcado. Agora é aguantar un mes máis e que saia en París.

– Cando compites?

O 8 de agosto temos a clasificación e, se hai sorte, o 9 é a final (ri).

Belén Toimil: “En Toquio non tiña a regularidade que estou a ter este ano”

– Se miramos os números parece que si. Dentro do ciclo olímpico parece que neste 2024 é xusto cando estás acadando as túas mellores marcas. Quinta no Europeo, acariñando o bronce con eses 18,43 m. Que sensacións tes de cara a estes Xogos Olímpicos?

Si. O que non tiña en Toquio é a regularidade que estou a ter este ano. En 2021 fixen no Campionato do Mundo 18.64 m. No de España en 18.53 m e tres días despois, 18.80 m. Pero só foron eses tres tiros en todo o ano. Era irregular. Pero agora un tiro malo para min son 17.90. Levo varias competicións en 18.40 este ano. No estatal fixen un tiro malo e foron 18 trinta e pico.

O paso de regularidade extra que din este ano non o tiña en anos anteriores. Iso dáche seguridade e dis “Vale Belén, tranquila non fai falta que fagas o esforzo da túa vida e te tenses” porque teño a experiencia doutras competicións deste ano que me di que a miña regularidade xa está nesas marcas. Estou tranquila porque é facer o que levo facendo todo o ano. Indo así de tranquila propiciarase que saia un mellor rexistro dado que irei máis elástica, máis tranquila.

É un pouco como estudar para un exame, se tes todo estudado, vas tranquila. Neste caso fixen probas, como son estas competicións previas e estou vendo que estou nun nivel medio máis alto do que tiven en toda a miña vida. Sei que teño unha base boa alta para buscar ese puntiño extra de cara a acadar un rexistro maior, por iso estou tranquila.

O paso de regularidade extra que din este ano non o tiña antes. Dáche seguridade. É facer o que levo facendo todo o ano. Indo así de tranquila propiciarase que saia un mellor rexistro dado que irei máis elástica.

– Que considerarías un bo resultado?

Se lle preguntas ao meu adestrador ou me preguntas a min seguramente diremos cousas diferentes (ri). Eu quedaría contenta con máis de 18,50 m. O meu adestrador seguro que diría 19 (ri), récord de España! (ri)

Dígoche isto agora e se cadra estou alí, fago 18.50 m e pásase á final con 18.70 m e diría “pero se eu fixen 18.75 no Nacional!” Todos sempre queremos máis. Estoucho contestando desde aquí no sofá.

– Falas deses 18,50 m porque contas con que esa marca che había dar pase á final, non?

Hum… habería que velo. Creo que se estou nunhas marcas de 18.70 m podería estar na final, oxalá lanzase iso!

Pero son tres lanzamentos e somos 16 persoas. Todas estamos ao mesmo. As clasificacións son fastidiadas. Son os Xogos da Fame. Haino que facer ben cando che toca. Esa é a complicación da clasificación. Non a distancia, senón facelo nese momento cos nervios, o ambiente e tendo só tres lanzamentos.

Se estivese en La Nucía nun campionato, cómoda, na miña casa, cos meus compañeiros, cos meus amigos na bancada, tranquila porque sabes que tes seis tiros… Se teño ese contexto e lanzo dun xeito distinto, tranquila. O que teño que xestionar é a actitude na competición para poder dar a miña mellor versión e poder pasar á final por marcas.

As clasificacións son os Xogos da Fame. Haino que facer ben cando che toca. Esa é a complicación, non a distancia, senón facelo nese momento cos nervios, co ambiente e tendo só tres lanzamentos. Somos 16 persoas e todas estamos ao mesmo.

– Como definirías o éxito, na vida e no deporte?

Estar satisfeito co que fagas, sexa o que sexa. Aínda que fagamos o mesmo, os obxectivos non serán os mesmos para min que para ti. Por exemplo, esta tempada aínda non fixen marca a día de hoxe pero considero que é a miña mellor tempada ata o de agora. E non fixen marca desde 2021.

Non obstante, o ben que levei este ano, o ben que estiven, o ben que o pasei, o ben que adestrei, as competicións que fixen… este camiño que foi este ano encantoume. Paseino xenial! Iso é o que me levo! Para min este é o meu mellor ano. Non a nivel resultados, por unha marca nun papel. É… Como te sentiches? Estás contenta? Porque se non estás contenta…

Pásanos moito aos deportistas que nos centramos tanto nos resultados que sacrificamos estar ben. Supoño que cantos máis anos pasan pensas “paga a pena?” e ao final céntraste máis en estar ben mentalmente e non en sacrificar todo o teu ser, e toda a túa saúde mental e o teu físico por acadar unha marca.

Se lanzo menos pero estou feliz, para min iso sería o éxito.

Os deportistas centrámonos tanto nos resultados que sacrificamos estar ben. Se lanzo menos pero estou feliz, para min iso sería o éxito. O éxito é estar satisfeito co que fagas.

– Que fas para desconectar cando rematas a tempada?

Ir para a casa porque non vexo a miña familia en case todo o ano e marchar de viaxe. Encántame viaxar e facer turismo nas cidades europeas. Máis que de praia son de irme a Londres, a Edimburgo, a Dublin… Patear cidades europeas. Facer free tours. Incluso se non teño amigos para ir por non cadrar as datas, vou soa.

Viaxamos moito por competición pero as máis das veces ves a pista e o hotel, poucas veces podes facer turismo. E dáme moita mágoa co que me gusta. Gústame ver música en directo. Encántame falar en inglés. Coñeces xente e lévaste experiencias.

Máis que estar tirada no sofá son de encherme de experiencias e intento moverme.

Para desconectar encántame viaxar e facer turismo nas cidades europeas. Máis que de praia son de irme a Londres, a Edimburgo, a Dublin…

– E agora falando claro, en París, como dis ti… vas escachar a bóla, non si?

Podes poñelo, en París vou escachar a bóla (ri).

Compartir en