Araceli Menduiña no Campionato de España de 2023
Araceli Menduiña no Campionato de España de 2023

Araceli Menduiña: “Cada regata é unha aprendizaxe”

  • “Sempre digo que ata que se cruza a liña de meta non hai nada gañado”.
  • “Hai moita xente discapacitada que podería estar a facer este ou outro deporte e por non coñecelo non está adestrando”.

 

Araceli Menduiña fracturou o nocello cando era moza, un accidente que lle deixou inmobilizada a articulación. Hai tres anos, no Mundial de Ponte de Lima, descubriu a súa discapacidade.

Despois de competir 40 anos con xente sen discapacidade, con 55 anos afrontará os seus primeiros Xogos Paralímpicos na modalidade de KL3.

A padexeira de Cangas Araceli Menduiña no podio
A padexeira de Cangas Araceli Menduiña no podio

– Hai dous anos descubriches a túa discapacidade na perna tras sufrir unha fractura de nocello. Agora, con 55 anos, vaste enfrontar aos teus primeiros Xogos Paralímpicos. Pode ser o teu unha “historia de superación”?

Si, é unha historia de superación.

Levo con esta discapacidade desde os 18 anos e sempre adestrando e competindo en desigualdade de condicións cos meus rivais. É unha proba de superación día a día e agora considéroo un premio, ou un agasallo, a toda unha vida de dedicación ao deporte que me gusta. 

– Foi un pase sufrido para conseguir esta clasificación paralímpica, na competición en KL3 200 metros de Duisburgo había só seis billetes para París e conseguiches un por dúas décimas. Como viviches os movementos previos?

En Duisburgo xogábanse seis países. Como había dúas inglesas que, se non recordo mal, quedaron unha primeira e outra segunda, tiña aínda marxe ata o sétimo posto. Sabía que era alcanzable, pero eu sempre digo que ata que se cruza a liña de meta non hai nada gañado. Ao final aínda tiven marxe porque podía quedar un posto máis atrás, pero encantada de conseguilo. 

Araceli Menduiña / RFEP
Araceli Menduiña / RFEP

– Antes desta competición, proclamácheste campioa de Europa en piragüismo en Szeged e hai máis dun mes, nesta mesma localización, quedaches cuarta. Cando aprendes máis, cando consegues o podio ou cando quedas fóra del?

Aprendes sempre, cada regata é unha aprendizaxe.

Cando non consegues o que cres que mereces si que avalías cada punto da regata. Máis que cando ao mellor é un éxito ao 100 % e que dás por feito que todo o que fixeches ben aínda que ao mellor non fose o caso, senón que tiveches a sorte de que a ti saíuche ben e aos outros non tanto. 

– Para o teu club, o club de Mar Ría de Aldán, non é a primeira vez que teñen unha olímpica nas súas filas. Teresa Portela, aínda que xa non pertence á entidade, sempre está presente. Que significa para ti o club?

Para min o club éo todo, é o meu punto de partida. Se non fose porque temos en Aldán un club, seguramente nunca me iniciase neste deporte. Téñolle todo que agradecer. 

Araceli Menduiña acude aos seus primeiros Xogos Paralímpicos
Araceli Menduiña acude aos seus primeiros Xogos Paralímpicos

– O teu non é un traballo dun par de anos, levas no mundo do piragüismo máis de 40 anos. Por que piragüismo e non outro deporte?

Cando era máis nova facía atletismo e piragüismo. Recordo que cando rompín o nocello no quirófano preguntáronme “que deporte fas?” e ao dicirlle atletismo e piragüismo riron e dixeron “ben, quedarache o piragüismo”. 

– Cando comezaches, viviches situacións de desigualdade?

No meu club podo dicir, desde un principio, que sempre tiven o apoio incondicional dos meus compañeiros, dos meus adestradores e do club. Non me podo queixar en ningún momento dun trato discriminatorio.

Creo que no deporte valórase a xente polo esforzo que fai, creo que se discrimina máis a aquel que vén a non esforzarse ou a non dar a súa mellor versión que por razóns de xénero. 

Araceli Menduiña acude aos seus primeiros Xogos Paralímpicos
Araceli Menduiña acude aos seus primeiros Xogos Paralímpicos

– Ademais de ser deportista de elite, traballas e tes fillos. A conciliación no deporte é posible?

A conciliación é posible se tes axudas. Agora teño a vantaxe de que os meus fillos son maiores, xa están a traballar, pero sempre digo que se esta oportunidade me xurdise hai 10 ou 15 anos se cadra tería que renunciar porque nese momento acabábame de separar, tiña os meus fillos a cargo…

Tes o apoio despois de obter resultados, pero para conseguir iso tes que dedicarte día e noite. O primeiro paso é difícil, despois de obter eses resultados si que todo son axudas.

Agora mesmo eu teño permiso para non ir traballar e ir adestrar, iso lévache a conciliar mellor e poder dedicar as horas libres a estar coa túa familia. Se tivese que traballar e adestrar xa non me quedaría nin un intre libre e o resto do día tería que dedicalo a descansar.

– E os teus fillos como se senten ao ter unha nai deportista de alto nivel que vai xogar uns Xogos Paralímpicos?

Toda a vida se sentiron orgullosos de min. Eles tamén fixeron piragüismo e recordo que nun Campionato de España, cando eles eran júniors, algún compañeiro preguntoulles “vés competir?” e os meus fillos responderon, orgullosos,  “veño animar a miña nai”.

Araceli Menduiña no Campionato de España de 2023
Araceli Menduiña no Campionato de España de 2023

– Son o teu maior apoio?

Si, os meus fillos, toda a miña familia e a miña parella son o meu bastón.

– Que variará da túa rutina cando chegues a París?

Seguirei a rutina que se segue sempre nas regatas. Adestrar ás horas que che toca competir e con base niso regular o resto do día, a comida, os descansos… Todo vai con base na hora que che toca competir.

– O Paracanoe español vai facer historia cun récord de clasificados para estes Xogos Paralímpicos 2024 con seis embarcacións. Pensas que é unha boa forma de darlle publicidade a esta modalidade deportiva?

Todo o que sexa darlle publicidade benvido sexa porque seguro que hai moita xente discapacitada que podería estar a facer este ou outro deporte e por non coñecelo, ou por non saber que ten facilidades, non está adestrando. Neste deporte é fácil aprender en piragua porque as que se usan en paracanoe son máis estables.

A moita xente daríalle unha oportunidade na vida única, poder facer deporte, desprazarte pola auga como non te podes desprazar por terra, é unha experiencia única.

– Cal é o teu obxectivo nestes Xogos Paralímpicos?

Facelo o mellor posible, non fallar. Sempre digo que o resultado está moi ben e que cando sacas unha medalla é o recoñecemento a todo o esforzo realizado nos adestramentos. Pero o mellor dunha regata e unha competición é acabar orgullosa da regata que fixeches, sexa cal sexa o resultado, se acabaches novena ou sexta, pero fixeches a regata ben desde o primeiro momento ata o último esforzándote, sen ningún tipo de fallo, ese é o maior orgullo.

A padexeira de Cangas Araceli Menduiña
A padexeira de Cangas Araceli Menduiña

 

Compartir en