- “É difícil que te comparen con Javier Gómez Noya, pero tamén un orgullo”.
Antonio Serrat Seoane (Vigo, 1995) leva desde pequeno sendo triatleta, un deporte descuberto polo seu pai, quen tamén practicaba esta disciplina. Nado en Vigo, en 4.º da ESO ten a oportunidade, grazas a unha bolsa, de trasladarse a Pontevedra ao Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD).
Agora, tras unha carreira deportiva chea de recoñecemento e saíndo poucas veces do Top-10, afróntase aos seus primeiros Xogos Olímpicos, un soño cumprido para el.
– O primeiro de todo, parabéns! Como estás afrontando o teu primeiro pase a uns Xogos Olímpicos?
Con moitas ganas, ao final é un soño de calquera deportista poder asistir a uns Xogos Olímpicos. Aínda non o creo, ata que non chegue á Vila Olímpica e estea os días previos da carreira non verei como cumprido o soño enteiro, pero estou con moitas ganas e moi ilusionado e con máis enerxía para afrontar os adestramentos previos a esta gran carreira.
– Participar nuns Xogos Olímpicos pode ser o soño de calquera atleta. Mirando cara atrás, pensaches algunha vez en acadar algo así?
A verdade é que non. Os Xogos Olímpicos é unha carreira de máximo nivel, é moi complicado poder asistir. Si que é verdade que nos últimos anos vía máis preto a posibilidade de conseguir un obxectivo tan grande, pero se me dis cando empecei a facer tríatlon a verdade é que non o crería. É algo moi complicado, estou moi contento de ter cumprido este soño que parecía case imposible e dentro de dúas semanas estaremos competindo en París nos Xogos Olímpicos.
– Como viviches os días previos ás Series Mundiais de Yokohama, unha competición que, ligado coa túa presenza no Top-15 no ránking mundial do ano pasado, supoñía ese pase aos Xogos.
Nesa primeira proba do Mundial deste ano pois tiña esa posibilidade, xa que cumprira parte do criterio da Federación, que era finalizar o 2023 dentro dos 15 primeiros do rango olímpico e en Yokohama tiña esa oportunidade de que se facía un Top-12 nunha proba do Mundial podía cumprir o criterio enteiro.
Si que houbo un pouco máis de nervios nesa carreira, ao final era unha proba importante se acadaba ese Top-12, pero unha vez que se dou a saída tampouco pensaba moito niso, pensaba en facelo o mellor posible e en estar o máis adiante posible na carreira. Nesa última proba, na que xa estaba metido nese Top-12, si que xa pensaba máis finalizar neses postos para acadar o criterio final. Foi un décimo posto que me deixou con moi bo sabor de boca porque un posto como ese nunha proba de mundial é complicado, pero tivo unha recompensa maior que era cumprir o criterio da Federación.
– Antes de participar nos Xogos Olímpicos tiveches por diante a WTCS de Cagliari e, agora, estás concentrado en Font Romeu. Segues a mesma preparación?
A preparación para París é seguir un pouco o que fixen este ano. Para preparar esas dúas probas para o Mundial fixemos unha preparación en altura e así foi tamén en Font Romeu. Finalmente non competín en Hamburgo nesa serie mundial previa a París polo que volvín á casa e nestas últimas dúas semanas de preparación decidín quedar na casa máis tranquilo, focalizado máis nos adestramentos e estar un pouco máis tranquilo, que ao final é o máis importante e seguir adestrando ben.
O traballo feito nas anteriores concentracións témolo no corpo, polo que nestas dúas últimas semanas será afianzar todo este traballo e chegar o máis tranquilo posible.
– A túa carreira está chea de recoñecementos por todo o mundo e poucas veces saes do Top-10. Para ti, cal dirías que é o factor clave deste esforzo?
Creo que sempre o máis importante é a consistencia, ao final gustaríame ser máis consistente e poder estar sempre rondando eses Top-10 nas probas do Mundial, pero eu creo que é un pouco a chave para chegar con garantías para uns Xogos é ser consistente.
Ao mellor nestes últimos anos non puiden acadar todos os mellores resultados, pero creo que estiven adestrando ben este último ano e é un pouco o importante, a consistencia para chegar con garantías de que nunha cita tan importante como París pois poidamos intentar facelo ben.
– O apoio familiar pode ser fundamental na carreira dun, sobre todo no teu caso, se teu pai tamén é triatleta. Foi el quen che descubriu este deporte?
Coñecín o tríatlon grazas a meu pai, ao final el xa practicaba este deporte antes de que naceramos eu e mais a miña irmá. Sempre practicamos outros deportes, xoguei ao baloncesto, ao fútbol, ao bádminton… Pero o tríatlon é un deporte que chama moito a atención e todos os veráns iamos ver o meu pai competir e, cando xurdiu a oportunidade de poder tamén facer actividades extraescolares de tríatlon nas Escolas Deportivas de Vigo, era algo que nos chamaba moito a atención e logo pois desfruteino moito e desde pequeno coñecín o tríatlon.
Coñecín o tríatlon grazas a meu pai, ao final el xa practicaba este deporte antes de que naceramos eu e mais a miña irmá.
– Naciches en Vigo, pero en 4.º da ESO o Centro Galego de Tecnificación Deportiva ofreceuche unha bolsa e trasladácheste a Pontevedra. Que significan para ti estas dúas cidades?
Tanto Vigo como Pontevedra síntoas como a miña casa. Eu son de Vigo pero desde que entrei no Centro de Tecnificación de Pontevedra estiven case dez anos adestrando alí de forma continua e vivindo, polo que tamén a sinto como a miña casa. Son lugares nos que me encanta adestrar cando estou na casa, é sentir un pouco lugares coñecidos para min para adestrar que me transmiten tranquilidade e recórdanme cando era máis pequeno.
– Apostaron por ti, pero con eses anos seguro que non foi doado o cambio, recordas como o viviches?
Os primeiros meses en Pontevedra non foron complicados, pero si, ao final tes que saír desa zona de confort cando estás na casa e estás nun sitio máis concentrado, aínda que seguiamos estudando no instituto, si que había máis tempo de adestramento do que estaba acostumado. Teño o recordo de chegar á casa despois dunha semana en Pontevedra moito máis canso do normal. O corpo nese primeiro ano acostúmase a levar esa vida de clases e adestramentos continuos, é un pouco menos doado e un ten que acostumarse tamén a esa rutina. Ao final teño un moi bo recordo deses anos, de facer moitos amigos, de desfrutar moito os adestramentos e o día a día no CGT de Pontevedra.
– Estudaches o ciclo superior de TAFAD e comezaches os estudos universitarios en Nutrición. É fácil compaxinar estudos e estar na elite do deporte?
Cando rematei o bacharelato quería seguir estudando, sabía que tiña a oportunidade de poder dedicarme máis ao deporte e vía importante seguir estudando.
Primeiro fixen TAFAD e estou moi agradecido porque me deron moitas facilidades para poder compaxinar as clases cos adestramentos e iso facilitoume ese ciclo superior. Non é doado, pero cando te sentes apoiado desta maneira e tes estas facilidades é de agradecer porque che facilita esas complicacións que pode ter compaxinar estudos e adestramentos.
Logo, unha vez rematado TAFAD, quería seguir formándome. Estiven matriculado en Nutrición e si que ao mellor non podía ir curso por ano, a universidade implica moito máis tempo, pero seguín estudando, sacando ao mellor menos materias por ano pero aproveitando a oportunidade de poder estudar nunha universidade a distancia.
A partir do ano 2020, cando optei pola oportunidade que tiña de dedicarme máis ao tríatlon, pois nese momento deixei un pouquiño máis apartada a universidade. Estaba viaxando moito, facendo concentracións fóra de España e complicábase máis o que era presentarme a exames e demais.
Pero é algo que sempre teño na cabeza, de volver aos estudos e de finalizar a miña formación porque é moi importante, unha vez que remate a miña vida deportiva tamén teño que seguir formándome para estar preparado.
– En Pontevedra tamén coñecen a outros triatletas, a nada máis e nada menos que a Javier Gómez Noya. Que significa para ti unha figura como Gómez Noya? Igualalo é difícil, pero veste como o seu sucesor?
Para min Gómez Noya é o meu ídolo, é o triatleta que vía sempre pola televisión, polo que sempre é un pouco un referente, tanto el como Iván Raña aquí en Galicia. Cando entrei en Pontevedra e estaba no instituto teño o recordo de velo adestrar por Pontevedra e alucinar, de entrar no vestiario da piscina e velo aí, xa impresionaba. Tamén tiven a sorte de competir con el en carreira do Mundial.
Sempre é un referente e é algo moi difícil de igualar todos os seus éxitos.
Javi só hai un, no meu caso teño que facer o meu camiño. Se un quere igualar todos os éxitos que ten pois sería un pouco pegarse contra unha parede.
Eu estou moi satisfeito coa miña carreira deportiva e quero seguir vendo ata onde podo chegar, seguir traballando sen obsesionarse e intentalo facelo o mellor, sabendo toda a dificultade que ten que te comparen con Javi pero tamén algo de orgullo.
Para min Gómez Noya é o meu ídolo, é o triatleta que vía sempre pola televisión, polo que sempre é un pouco un referente, tanto el como Iván Raña aquí en Galicia.
– Roberto Sánchez e Alberto González son os dous triatletas que estarán acompañándote en París. Como os definirías?
Tanto Roberto como Alberto son compañeiros desde cando era moi pequeno. Medramos a nivel deportivo tanto en categorías inferiores como agora en absoluta. Tanto Roberto como Alberto son triatletas que demostraron que son top mundial. Eu creo que son triatletas que en París van facer moi bo papel, Roberto ten unhas características ao mellor máis parecidas a min e Alberto é un grandísimo nadador, pero creo que nos sairá aos tres unha gran carreira en París.
Antonio Serrat: “Os circuítos de París son espectaculares polo lugar no que están os circuítos e son rápidos”
– As probas realizaranse pola Pont Alexandre III, unha zona que xa coñeces cando, o ano pasado, realizaches a proba test. O lugar é o mesmo, pero a situación é diferente. Cal cres que vai ser a maior dificultade?
Os circuítos de París son, o primeiro, espectaculares polo lugar no que están os circuítos e tamén son moi rápidos. A priori non ten unha dificultade moi grande, pero ten moito escondido. Natación en río cun río que ten moita corrente, polo que a ida é a favor e vaise moi rápido, pero unha vez que tes que volver á terra hai que pelexar moito para avanzar polo que xa ten un desgaste a maiores esta natación.
Logo tamén hai unha bicicleta moi chá e rápida, pero que ten unha dificultade como o tramo de empedrado que lle proporciona outra dureza á carreira e tamén fai unha fatiga, ás veces invisible ao espectador pero a nós que pasaremos case un 30 % do circuíto por tramos de empedrado é un desgaste a maiores.
A carreira a pé ten esa peculiaridade de que varios quilómetros por tramos de empedrado onde a pisada é un pouco máis complicada, ao final son circuítos moi rápidos que parecen que non son moi duros pero en realidade teñen como ‘trampiñas’ que fan que vaia ser un tríatlon moi duro.
O principal obxectivo é rematar sabendo que din todo o que tiña o meu corpo nese día.
– Cal é o teu obxectivo nestes Xogos Olímpicos?
O principal é acadar o mellor resultado que poida. Ao final non me gusta marcarme un número en concreto e eu creo que teño que ir coa ambición de facelo o mellor posible, pero sempre tendo moito respecto á carreira e aos rivais.
Estivemos en postos dianteiros en probas do Mundial e iso tenme que dar forzas e saber que podo estar diante, pero tamén sabendo que é moi complicada. O principal obxectivo é rematar sabendo que din todo o que tiña o meu corpo nese día.
– Xa estás pensando nos de 2028?
Agora mesmo non moito, agora as miñas forzas están nestes últimos días de preparación e de que saia todo ben. Unha vez pasado París aínda quedan probas do Mundial, agora mesmo 2028 véxoo moi lonxe, polo que prefiro rematar este 2024 e ir pouco a pouco.
– Para rematar, durante estes últimos anos o tríatlon foi gañando adeptos. Que lle dirías a eses nenos e nenas que están pensando en practicar este deporte?
Ao final o que ten o tríatlon é que é moi variado. Permíteche facer tres deportes nun, cando tes que adestrar dáche moita variabilidade, se algún día prefires ir nadar, ir facer bici, ir adestrar as transicións… Normalmente as competicións son en augas abertas polo que tamén é algo divertido adestrar e competir no mar. As bicicletas tamén son circuítos moi rápidos, con moitas curvas, e moi técnicos que tamén teñen esa peculiaridade. O que ten o tríatlon é que ao xuntar tres deportes tan completos, xa o simple feito de rematar un tríatlon sénteste moi completo porque fas algo que é moi complicado e non todo o mundo pode dicir que rematou un tríatlon.