- Eu só tiña en mente clasificar con Antía Otero e foi moi duro, a min véuseme o mundo abaixo porque quería ir con ela
- Teresa Portela é un exemplo, non só para min, senón para o deporte español en xeral
- Eu desfruto moito facendo deporte, pero o que axuda e o benestar que deixa o deporte no corpo é primordial
O piragüismo galego ten un nome que destaca, o de Antía. E non só por Antía Otero, quen quedou ás portas de acudir á cita olímpica, senón pola súa compañeira e amiga Antía Jácome. A pontevedresa acadou praza para Toquio 2020 no C1 200, despois dun selectivo no que tivo que competir con María Corbera, e volvendo de terras nipoas cun diploma olímpico. Semanas despois, a deportista non deixou a canoa e volveu competir, desta vez no Mundial, onde se proclamou subcampioa.
Loitaches ata o último momento por obter o teu posto en Toquio e conseguíchelo tras vencer a María Corbera. Que sentiches ao ver que o lograras?
A verdade é que foi difícil porque tiña unha rival moi forte e sabíao e iso era o peor, sabelo. Adestrabamos todos os días ben, loitando porque as dúas queríamos a clasificación, pero con esa tensión porque sabiamos que as dúas andabamos moi ben. Non había moita diferenza entre nós, non sabiamos o que nos podíamos sacar. Por exemplo ela gañoume na Copa de España e logo eu gañeille no selectivo. Sempre iamos así.
Foi un pouco complicado porque tiña unha rival moi moi forte e iso fíxome máis grande, porque ninguén me regalou a praza, tiven que loitala cunha das mellores canoístas de España. E podía ter sido súa, así que foi difícil. Toquio foi unha pasada, aínda sigo asimilándoo.
No Preolímpico tamén participaches con outra Antía, Antía Otero, coa que formas o Antía’s team. Que relevancia ten o compañeirismo na piragua?
Eu en C1 vou soa, dependes de ti, pero é verdade que ter unha persoa ao teu carón que te apoia todos os días e pasa 24 horas ao día contigo é moi importante e levarte ben coa persoa coa que compartes unha embarcación é súper importante.
Con levarse ben ou ter compañeirismo chega, pero nós somos moi amigas e non é unha compañeira coa que diga que nos levamos ben e logo fóra nada. Non, con ela podo ir tomar algo, podo facer calquera cousa. Para nós é súper importante. Nun equipo tes que falar moito e ver como vai o barco. É moi importante que haxa comunicación e que as dúas persoas se leven ben.
Máis aló do adestramento físico, como te preparas mentalmente para a competición?
A verdade é que foi complicado, porque tiven moita posta a punto, de chegar ao teu mellor nivel fisicamente e o rendemento que máis podes chegar a ter, o tiven que facer en moitas ocasións, para o primeiro selectivo nacional, a Copa do Mundo clasificatoria para os Xogos, o segundo selectivo contra María Corbera… Mentalmente foi duro, sobre todo despois da Copa do Mundo cando non nos clasificamos porque eu só tiña en mente clasificar con Antía e foi moi duro, a min véuseme o mundo abaixo porque quería ir con ela. Foi difícil, pero é verdade que creo que todos eses momentos fixéronme moi forte e conseguín chegar a todas as competicións ao máximo nivel e creo que mentalmente só me vin abaixo na Copa do Mundo clasificatoria que me doeu bastante, pero nunhas semanas souben recompoñerme e ter un obxectivo claro como o selectivo nacional.
Cal é o seguinte reto de Antía?
Cando cheguei de Toquio quedei cunha sensación incrible, porque non me agardaba un quinto posto, a verdade é que marchei súper contenta, non pensando en que case saco medalla, senón en que puiden competir coas mellores do mundo e rematei quinta, só teño a catro mozas por diante. Estaba súper feliz. Quería ir ao Mundial, e todos me preguntaban se ía ir despois do tute deste ano, e eu dicía “vou ao Mundial para desfrutar”.
Sinceramente en todas as competicións nas que participei nun Mundial tomeinas con tranquilidade, non tiña nada de nervios en comparación coa Copa do Mundo ou os Xogos, ía súper tranquila principalmente porque sabía onde estaba. Eu ía desfrutar o campionato do Mundo. Non era un obxectivo, senón que puxen esa meta de sacar unha medalla no Mundial, dicindo “creo que podo, pero vou intentar loitalo porque sei que estou aí”. Ese foi un dos meus obxectivos. Agora ao volver do Mundial sería a clasificación para París, que é en 3 anos e gustaríame ir en C1 e C2. Sería o noso obxectivo a longo prazo.
Os referentes son importantes en calquera ámbito, pero especialmente no deporte. Creciches con algún referente no piragüismo e algunha deportista á que admirar?
Referente sobre todo David Cal, porque é canoísta coma min, pero é verdade que Teresa Portela é un exemplo, non só para min, senón para o deporte español en xeral. Creo que ela nos demostrou que loitando e adestrando duro as cousas conséguense e se non sae tampouco pasa nada. Ela sempre toma todo ben, queda cuarta e queda cuarta e é o que hai, se queda sexta, sexta. Failles ver aos seus compañeiros e a España que non fai falta sacar unha medalla. Ela sempre o di, vou rematar estes Xogos igual que rematei outros Xogos, feliz, se é cunha medalla, xenial, pero non vou estar máis ou menos feliz pola medalla. Iso sérvenos de exemplo a todos.
Cres que as piragüistas contades coa mesma visibilidade ca os vosos compañeiros masculinos?
A canoa é un pouco máis inferior porque é a primeira vez que é olímpica, pero creo que pouco a pouco estará á par que o kaiak. Hoxe en día está todo moito mellor, pero sendo olímpica vese doutra forma.
Que valores aporta o piragüismo e como cres que pode axudar en materia de igualdade?
Para o deporte tes que ter moita responsabilidade, é a túa responsabilidade ir todos os días adestrar, dar o mellor de ti nos adestramentos, iso dá moitísima experiencia na vida en xeral. Ser compañeiro, ser responsable, ter obxectivos, porque na vida tes que ter obxectivos. Eu agora que estou de vacacións, levo un día, levo todo o día na casa e fáltame algo. Eu non sei o que fai unha persoa que non está adestrando todo o día, pero tampouco podería pensalo, mañá voume apuntar ao ximnasio. Non podo estar todo o día na casa. Quero estar coas miñas amigas e desfrutar, pero creo que na vida de todo o mundo é moi importante dedicarlle unha hora de deporte ao día.
Eu desfruto moito facendo deporte, pero o que axuda e o benestar que deixa o deporte no corpo é primordial. Ao final estamos creando bastante igualdade en tema de deporte, porque as mulleres e os homes temos as mesmas axudas, está igual visto que gañe unha moza que un mozo e ao final é compañeirismo. Cando gaña unha moza celébrase e cando gaña un mozo igual, pero todo o mundo contento e non hai discriminación. E creo que iso é moi importante, no deporte e na vida.