- “Vou intentar chegar na mellor forma posible para competir, a loitar polos metais e a ver se podemos conseguilo”.
- “Son os meus primeiros Xogos e vai ser chegar alí e sentirme moi pequena, pero con moitas ganas de competir e dalo todo para conseguir o mellor resultado”.
A convocatoria de Antía Chamosa foi en certo modo unha sorpresa, incluso para ela. A súa valía está fóra de dúbida pero na ecuación entraban deportistas máis experimentados e cunha traxectoria tamén importante. España ten un nivel de marchadores e marchadoras moi elevado. A súa mocidade non axudaba, pero ao final a pontevedresa estará no equipo de marcha español nos 20 km disposta a dalo todo, a demostrar que debía estar en París 2024 e que non renuncia a nada.
– En que estado de forma chega Antía Chamosa aos Xogos de París, logo de acadar unha prata no Campionato de España na distancia de 10 km?
Por agora estamos coa última semana de preparación e estou nun moi bo estado de forma. Desde que acadei a marca mínima na Coruña, na proba dos Cantóns, xa tiña moitas ganas de competir, polo que seguimos con boas sensacións e chegaremos con moita ilusión de desfrutar destes xogos.
– É esta unha boa preparación para encarar os 20 km?
É distinto, a verdade. É unha proba diferente, do mesmo xeito que o relevo, pero creo que é unha boa forma de activar o teu nivel competitivo e de acadar boas sensacións de cara a París.
– Cando comezou a preparación para os Xogos Olímpicos?
Desde dúas semanas antes do Campionato de España. Eu non contaba con estar na listaxe definitiva. Ao final, na marcha hai moito nivel no noso país e víao moi complicado, aínda tendo a marca mínima, e leveime unha grata sorpresa.
Xa o contei varias veces. Cando saíu a lista, mireina varias veces e nin me vía nela. Estaba tan convencida de que non me ían levar que levei unha alegría enorme.
– Son os teus primeiros Xogos. Presión, ilusión, motivación… Que é o que sentes?
Motivación e ganas de desfrutar. Como ti dis, son os meus primeiros Xogos e vai ser chegar alí, verme angustiada por todo e sentirme moi pequena, pero con moitas ganas de competir e dalo todo para conseguir o mellor resultado.
Antía Chamosa: “O meu referente na marcha é Álvaro Martín”
– Cal é o teu referente no mundo da marcha?
Podería dicirche moitos. Agora mesmo, quedaríame con Álvaro Martín. Na marcha coñecémonos todos e para min todos e cada un deles son como a miña segunda familia, entón téñolle moito cariño a todos. Son todos moi traballadores, a marcha é un deporte moi duro e calquera deles trabállao todos os días. Son todos moi loitadores.
– Cal foi a túa motivación á hora de comezar a facer marcha?
Ao comezo tiña a marcha como unha afección. Aos 7 anos, para min era o momento de saír de clase, ía a xunto dun grupo no que só facían marcha e pasábao xenial. Pouco a pouco empecei a ter vistas de ser profesional. Cando xa ves que vas a campionatos de España, ves que os meses de traballo de adestramento redundan en resultados, a sensación é indescritible. Despois, cando xa vas a campionatos internacionais pensas… por que non uns Xogos Olímpicos?
– Practicabas outros deportes, ademais da marcha?
Si, practicaba outros deportes xunto co meu irmán, que tamén fai marcha. Eu en concreto fixen ballet, natación, esquí… Fixemos moitos deportes. O noso pai facía carreiras populares, quería que fixésemos deporte e meteunos en atletismo. De aí saíu un pouco todo. Faciamos marcha, pero tamén outras disciplinas, aínda que a marcha acabou sendo o meu.
– En que cres que axudou ou motivou que teu irmán tamén fixese marcha?
Eu creo que nos axudamos en todo mutuamente, porque neses adestramentos que se fan tan complicados, aínda que non vaiamos á mesma velocidade, ter o teu irmán que te motiva e tira de ti é moi importante. Xa non só en materia de adestramentos, senón tamén en competicións, como agora, que xa o liei para vir a París comigo. É a persoa que sempre teño aí e quero moito.
– Tes aspiracións de medallas para esta edición dos Xogos Olímpicos?
A verdade é que a marcha apunta moi alto este ano e a Federación di que aspira a obter medalla tanto nos 20 Km como en relevos. Eu vou intentar chegar na mellor forma posible para competir, a loitar polos metais e a ver se podemos conseguilo. Son consciente de que é difícil, ao final son uns Xogos Olímpicos, pero confío que entre todos os compañeiros e compañeiras se consiga acadar algunha medalla.
– Pesa o gran rendemento que sempre deu España en marcha tanto nos mundiais como nos Xogos Olímpicos ou é unha motivación?
Motivación sempre. A verdade é que España sempre tivo marchadores con moi boas marcas, entón é complicado. O que tes que facer e chegar alí, dar o máximo para competir e logo os resultados poden vir ou non, pero agardamos que si.
– O percorrido de París favorece ou vai en contra das características de Antía Chamosa coma deportista?
Xa nos presentaron o percorrido hai uns meses. Ensináronnos como ía ser a zona, ao lado da Torre Eiffel, que é impresionante. Ten que ser unha pasada competir alí. Penso que o percorrido adáptase ben ás miñas condicións e ademais, como boa galega, a humidade lévoa bastante ben, así que conto adaptarme sen problema ningún.