Alicia Fernández - IHF
Alicia Fernández - IHF

Alicia Fernández: “Repetir o Mundial de Xapón sería irnos de aquí cunha medalla, asinaríao”

  • Creo que en todo o deporte feminino queda moito por facer. Aos poucos imos tentando que haxa máis igualdade pero aínda queda moito camiño.

Alicia Fernández (Valdoviño, 1992) é unha de ‘Las Guerreras’, alcume co que se coñece ao combinado nacional feminino de balonmán no que están depositadas moitas esperanzas para conseguir unha medalla en Tokyo. A galega converteuse nun referente da selección no Mundial de Xapón de 2019, e foi un dos piares nos que se asentou a prata acadada que a punto estivo de tinguirse en ouro. Agora vive a súa estrea olímpica coa ilusión de quen cumpre un soño e apostando polo traballo e a humildade para deixar pegada no torneo.

Os de Tokyo serán os teus primeiros Xogos Olímpicos, que significa isto para unha deportista?

Participar nuns Xogos Olímpicos é moi difícil, é todo o máis ao que pode aspirar un deportista, e poucos teñen a sorte de poder disputalos. Así que estar aquí é cumprir un soño.

Alicia Fernández - RFEBM - Anze-Malovrh-kolektiff
Alicia Fernández – RFEBM – Anze-Malovrh-kolektiff

En Xapón viviches hai dous anos unha experiencia agridoce coa Selección, chegando á final do Mundial pero perdendo o ouro no último momento, asinas a mesma resolución nos Xogos?

Repetir o Mundial de Xapón sería irnos de aquí cunha medalla, así que por suposto que o asinaría. Pero creo que é un camiño moi longo e difícil ata esa final e que debemos de pensar primeiro no grupo que temos que é moi complicado.

Despois do Mundial de 2019 estivestes na en boca de todos pola vosa gran actuación. En materia de igualdade, o balonmán é un exemplo a seguir ou cres que aínda queda moito por facer? 

Creo que en todo o deporte feminino queda moito por facer. Aos poucos imos tentando que haxa máis igualdade pero aínda queda moito camiño.

O balonmán de seleccións adoita ter un maior seguimento do público xeral que as competicións de clubs, a que pensas que se debe?

Quizá a liga nacional agora mesmo non estea entre as mellores de Europa e ten menos seguidores. Aínda así creo que se está traballando ben para seguir dando pasos cara a adiante, que sexa máis profesional e que teña máis repercusión nos medios e un maior número de seguidores.

Alicia Fernández RFEBM-J.L. RECIO
Alicia Fernández RFEBM-J.L. RECIO

No teu club, o Râmnicu Vâlcea de Rumanía, estás acostumada a xogar todas as semanas ao máximo nivel, cal é a dificultade que agardas para esta competición?

O nivel de dificultade nuns Xogos é máximo. Non hai ningún rival doado, todos teñen as súas opcións de estar arriba ao igual que nós así que espero unha competición moi igualada e disputada.

Que equipo ou equipos son os favoritos para ti?

Creo que pode haber moitos favoritos, seguro que todas as seleccións chegan a un gran nivel despois da preparación que tivemos. Pero se teño que dicir algún país… Noruega sempre está entre eles.

A falta de público fará que sexan uns xogos máis descafeinados?

É unha pena chegar ata aquí e non poder desfrutar do público. O outro día fomos á pista de xogo e ao entrar todas coincidimos en que era espectacular e que era unha pena que quedase así, baleira. Pero somos conscientes da situación actual, de que é necesario tomar estas medidas e tentaremos que non sexa ningún tipo de hándicap.

Alicia Fernández - IHF
Alicia Fernández – IHF

Como é un día na vida de Alicia Fernández na burbulla na que vivides en Tokyo?

O noso día a día está bastante completo. Pasamos o día entre adestramentos, sesións de análises de vídeo, comidas, descansar nos intres libres que temos e facer algo de tempo en equipo. O tema da burbulla á vida en equipo aféctanos menos. Si o notamos en que está todo moito máis restrinxido, non podemos saír da vila, os controis de saliva e o tema de limitar contactos con outros participantes…

Compartir en