- “A disciplina e o esforzo son as dúas chaves para cumprir o soño que tiven desde cativa”
Alicia Fernández é unha de ‘Las Guerreras’, alcume co que se coñece o combinado nacional feminino de balonmán no que están depositadas moitas esperanzas para conseguir unha medalla en París 2024.
A galega converteuse nun referente da Selección no Mundial de Xapón de 2019 e foi un dos piares nos que se asentou a prata acadada que a punto estivo de tinguirse en ouro. Despois de disputar os Xogos de Toquio, agora vive con ilusión disputar os segundos apostando polo traballo e a humildade para deixar pegada no torneo.
A de Ferrolterra agarda unha competición moi dura na que “algunha selección pode sorprender” ademais das favoritas de sempre. ‘Las Guerreras’ terán que dar o seu máximo potencial para acadar o metal.
Os de París xa serán os teus segundos Xogos Olímpicos, que aprendiches de Toquio e que agardas para París?
Todos sabemos que os Xogos Olímpicos son unha competición moi dura, e que simplemente clasificarse non é nada doado, todos os rivais teñen moito nivel e que pase o que pase en cada xornada hai que afrontalo con todo o que supón estar alí e estar o máis concentradas posibles porque un gol pode ser o que che faga pasar ou o que che faga irte.
Xa sabedes o que é competir contra todos as rivais. Cuarta e segunda posición nos dous últimos mundiais e bronce nos Xogos de Londres. O obxectivo é dar a cara e competir con esa garra e sacrificio como ata agora ou xa se agarda algo máis?
O obxectivo non cambia, o que temos que facer é competir como sempre o facemos. Sabemos que ultimamente non estamos no noso mellor nivel pero o que está claro é que temos que dar todo o noso carácter guerreiro e oxalá que a competición nos leve máis adiante.
‘Las Guerreras’ é todo un emblema para o deporte español. En materia de igualdade, o balonmán é un exemplo a seguir ou cres que aínda queda moito por facer?
Aínda queda moito por facer, pero si que é verdade que ten máis apoio nesta materia que outros deportes. De todos modos, temos que seguir traballando a prol desa igualdade que buscamos.
O balonmán de seleccións adoita ter un maior seguimento do público xeral que as competicións de clubs, a que pensas que se debe?
Creo que neste caso a Federación ten moito que ver. A forma que teñen de traballar, impulsar e fomentar o deporte fai que teñamos un escaparate máis grande que os clubs.
No teu club, o Rapid Bucarest de Rumanía, estás acostumada a xogar todas as semanas ao máximo nivel, cal é a dificultade que agardas para esta competición?
Ben, a verdade é que xogar semana tras semana competicións como a Champions axuda moito a manter o bo nivel, pero os Xogos son a competición por excelencia do deporte, ningunha competición che fai dar máis nivel e está claro que xogar nunha liga competitiva axuda, pero iso non é todo.
Sabemos que nisto dos combinados nacionais, hai seleccións como Dinamarca, Rusia, Francia… son sempre favoritas, pero para ti que equipo ou equipos son os favoritos e cales cres que poden ser as ‘tapadas’?
Como favoritas téñoo claro, Francia sempre é importante e aínda encima xoga na casa, e xunto con Noruega, sempre son os máis duros para bater. Pero seleccións como Corea, Angola e eses combinados que ao xogar noutros continentes non estamos tan acostumadas a xogar e creo que por aí poden dar a sorpresa.
Botando a vista atrás, Alicia, a moza que xogaba no Balonmán Porriño imaxinaba isto, é un soño ou tiñas claro que ía chegar?
É un soño. Unha cousa é ter o soño de disputar uns Xogos pero non é doado. Hai grandes xogadoras que nunca tiveron o pracer de xogar unha competición así, e unha cousa é ter un soño e outra chegar.
Para rematar, Alicia, seguro que hai moitas nenas practicando balonmán e outros deportes e soñando en ser coma ti, en poder disputar uns xogos. Que tes que dicir para esa cativada que aspira e loita por acabar nunca competición desta magnitude, que mensaxe lles dás?
Cando estás en etapa de formación é vital que poidas centrarte en aprender os valores do deporte e practicar o que cadaquén queira. A partir de aí a disciplina e o esforzo son as dúas chaves para cumprir o soño que tiven desde cativa.