Alberto Gaitero Martín, judoca - EFE - José Méndez
Alberto Gaitero Martín, judoca - EFE - José Méndez

Alberto Gaitero: “Que haxa catro deportistas galegos é unha pasada, algo histórico, e seguro que para os seguintes Xogos haberá máis”

  • O esforzo de loitar polo que queres, polos teus soños, os teus obxectivos, é o que realmente me guía
  • Creo que o momento máis duro na miña carreira deportiva foi esta derrota nos Xogos, xa que foi complicado asimilalo despois de todo o traballo
  • Gustaríame ter saído mellor en combate e sempre podería cambiar cousas, sempre teño cousas que mellorar, pero estou satisfeito con todo o traballo que fixen

Nado en Valladolid e federado en Galicia, Alberto Gaitero Martín (1996) viviu os seus primeiros Xogos Olímpicos este ano en Tokyo.

Súa nai inscribiuno en judo de pequeno para gastar enerxías e, dende entón, este deporte é a súa vida.

Esta foi túa primeira vez nuns XX.OO., como te sentiches ao saber que ías acudir a Tokyo?

Foron os meus primeiros Xogos Olímpicos e, a verdade, é que é un soño dende pequeno. É unha pasada. É unha clasificación moi longa e xa levaba un tempo que máis ou menos sabía que estaba clasificado, que o conseguira, así que fun asimilándoo pouco a pouco ata que non fose a primeira clasificación e está todo ben. Ata que non voei non o rematei de crer e a verdade é que estou gozando moito aquí desta experiencia.

Como foi o combate? Mudarías algo da táctica que seguiches?

Realmente o combate foi raro. Saímos catro veces. Eu sentíame moi ben durate o quencemento. Tiven moitas ganas, sentíame ben durante o combate. Creo que fixen un gran traballo mental, técnico e fisicamente, así que estou contento.

Gustaríame ter saído mellor en combate e sempre podería cambiar cousas, sempre teño cousas que mellorar, pero estou satisfeito con todo o traballo que fixen.

Cales son os teus plans inmediatos despois dos Xogos?

Despois dos Xogos os meus plans son descansar, recuperarme, ir de vacacións, que fai moito que non vou, e xa despois planificarei e collerei enerxía e verei que me plantexo.

O seguinte reto deportivo?

Agora non teño reto deportivo. Preciso descansar, recuperar e, unha vez volva cargado de pilas, xa veremos os novos obxectivos.

Como é a rutina diaria dun deportista olímpico en Tokyo?

A miña rutina durante este tempo foi descansar ben. Levantábame cedo para almorzar e facía unha sesión de adestramento pola mañá. Comer, descansabamos un pouco e outra sesión pola tarde. Esta era máis ou menos a nosa rutina, máis sesións de fisioterapia, de spa de recuperación e de psicólogo. Despois descansabamos sábado tarde e domingo.

Esta edición sodes 4 representantes de Galicia na modalidade de judo. Como é a vosa relación, nótase a “galeguidade” dalgún xeito?

Que haxa catro deportistas galegos, podendo haber varios máis -que é unha pena que non- é unha pasada, como galego. É algo histórico e seguro que para os seguintes Xogos haberá máis.

A Federación Galega é incríble, está facendo historia cun traballo excepcional e estou moi contento do equipo galego que temos. É un equipazo.

Imos aos teus inicios, como comezaches no judo, un deporte minoritario? Lin por aí que te meteu túa nai para que gastaras enerxías.

Apuntoume miña nai a judo aos cinco anos. Recomendáronlle un deporte moi movido onde gastar enerxía e recomendáronlle o judo. Miña nai apuntoume, o que foi un acerto dende logo, e eu compaxinaba dende pequeno judo e fútbol ata os 12/13 anos que decidín que prefería facer só judo, que é o que me gustaba máis e sigo facéndoo ata o día de hoxe.

E ata chegar ata aquí, cal foi o momento máis duro da túa carreira?

Tiven momentos moi duros, momentos nos que parece que non che sae nada, que non vales, e son momentos realmente duros. Momentos moi duros coas lesións, como cando me rompín a rodilla, cando lesionei un codo, momentos en competicións importantes… Pero creo que o momento máis duro na miña carreira deportiva foi a derrota nos Xogos, xa que foi complicado asimilalo despois de todo o traballo, do ben que o preparara… Foi un momento moi duro.

Que valores transmite este deporte, ademáis dos xenéricos de calquera actividade deportiva?

Sempre se di que o judo transmite unha morea de valores coma o respecto, o compañeirismo, a amizade…. Moitos valores se atribúen ao judo, que son verdade, pero para min o máis importante, e o que máis marcado se ve, é o esforzo, o esforzo de loitar polo que queres, polos teus soños, os teus obxectivos, e iso é o que realmente me guía. O esforzo creo que é algo que me vai a dar para toda a vida, para a miña vida futura, para a miña vida laboral. Se quero lograr algo terei que esforzarme ao máximo para conseguilo.

No que se refire á igualdade entre sexos, nas artes marciais temos grandes deportistas mulleres, cres que é máis igualitario que outros deportes máis maioritarios?

Eu creo que o judo é totalmente igualitario e, como ti ben dis, temos grandes referentes femininos e masculinos. Eu teño unha relación moi boa con Ana Carrascosa, Cecilia, Sara Álvarez, Raquel… Son grandes referentes e é máis, sempre adestramos xuntos en España. Creo que non hai ningunha diferencia. É totalmente igualitario.

Como outros deportistas, formas parte da campaña NON á violencia de xénero da Xunta de Galicia. A concienciación e a educación son fundamentais nesta materia, non si?

Espero que si, que esta campaña sirva para concienciar á xente, aos deportistas, a figuras públicas. De verdade agardo que todo isto sirva para concienciar á xente.

O deporte, que transmite valores positivos, e vós ao chegar aos Xogos Olímpicos, sodes un referente para mudar condutas na sociedade como a violencia de xénero. Cal sería a túa mensaxe para quen está nesta situación.

Creo que tanto nos Xogos Olímpicos como na Vila son de respecto, compañeirismo e alegría. Son os mellores valores que pode transmitir o deporte para calquera situación, polo que creo que son uns valores que valen para este propósito.

Compartir en