Agustín Alejo coa Selección Española de baloncesto en cadeira de rodas
Agustín Alejo coa Selección Española de baloncesto en cadeira de rodas

Agustín Alejos: “Creo que o partido máis importante para nós do torneo será o de cuartos de final”

Agustín Alejos Alonso (8 de novembro de 1987) vivirá en Tokyo a súa segunda experiencia nos Xogos Olímpicos. O seu debut é difícil de mellorar xa que volveu de Río cunha medalla de prata, pero non renuncia a nada. Coa filosofía do partido a partido por bandeira o vigués non quere mirar moito máis alá da fase de grupos e, se se clasifican, augura uns cruzamentos moi complicados. Aínda así, avisa, España é unha das seleccións favoritas e vaillo poñer difícil a calquera

Seguro que, como todos, estes días estás vendo os Xogos Olímpicos pola televisión. Hai gañas de estar meses mesmos espazos? Os pavillóns, a vila olímpica…

A verdade é que si. Despois de 5 anos moi duros comezas a ver os Xogos e dá moitas gañas de ir alí, e poder competir por fin neses fermosos pavillóns.

Concentracion SN 2021 - Alejo
Concentracion SN 2021 – Alejo

Es dos que madrugaches para ver o España – Estados Unidos de baloncesto?

Intentei ver todos os partidos tanto da selección masculina de baloncesto como da feminina, pero o que xogaron contra Estados Unidos non, preferín descansar para estar mellor durante o resto do día.

Ese encontro significou a retirada da selección dos irmáns Gasol, consideras como referentes a Pau e a Marc?

Si, sobre todo a Pau porque cando eu comecei a xogar ao baloncesto era a época na que el foi para a NBA e desde sempre é un dos meus ídolos. De pequeno tiña a habitación chea de pósters del e de Raúl López, que daquela estaba nos Utah Jazz, e a miña primeira camiseta foi a de Pau Gasol dos Memphis Grizzlies. É unha mágoa que se retiren pero temos que quitarnos o sombreiro coa carreira que fixeron os dous e, no caso de Pau, aplaudir o esforzo que fixo nos dous últimos anos para recuperarse da lesión e estar competindo con 41 anos, facendo o que fai.

Xa centrándonos en ti, volviches da túa primeira experiencia nos Xogos cunha medalla de prata. Só hai un xeito de mellorala, ides a polo ouro?

Gústame ir partido a partido. Estamos clasificados, vamos a Tokyo e temos que xogar os partidos do grupo. Logo veremos como vai, teoricamente o grupo é o máis sinxelo dos dous pero o problema é que os cruces son mortais porque calquera dos equipos que che pode tocar pode eliminarte, está o último campión paralímpico, Estados Unidos, o campión do mundo, Gran Bretaña, o terceiro do mundo, Australia, o cuarto do mundo, Irán, tamén Alemania… Calquera é un perigo e creo que o partido máis importante do torneo será o de cuartos de final.

Son as favoritas?

Nós tamén somos subcampións de Europa e paralímpicos. Creo que hai un grupo de 4 ou 5 favoritos, Inglaterra, Estados Unidos, Australia, Irán e nós e a partir de aí cada partido é un mundo e pode pasar calquera cousa. Temos que xogar con respecto polos rivais pero sen esquecernos de que a nós tamén nolo teñen.

Cal é o voso obxectivo nesta primeira fase?

Ir evolucionando como equipo e tendo mellores sensacións segundo vaia avanzando o torneo.

Estes non serán uns Xogos ao uso por moitos motivos, un deles a falta de público, como vos inflúe?

Nesta última temporada regular acostumámonos a xogar sen público. Faise moi raro porque parece un adestramento contra outro equipo pero temos que estar centrados en nós e incluso nos ven ben porque nos tocou contra Xapón, os anfitrións, e non terán o público do seu lado.

Agustín Alejo coa Selección Española de baloncesto en cadeira de rodas
Agustín Alejo coa Selección Española de baloncesto en cadeira de rodas

Outro dos condicionantes é o da burbulla na que ides vivir, cres que pode afectar ao teu rendemento?

Pode ser o máis complicado, o non poder desconectar. Eu recordo en Río que nos días libres podíamos ir a ver outros deportes, apoiar aos compañeiros e este ano teremos que velos desde a Vila Olímpica e cada un na súa habitación. Iremos do pavillón á habitación e da habitación ao pavillón, non hai máis. Vai ser diferente, difícil e obríganos a estar moi ben mentalmente, pero para iso temos o equipo de psicólogos da Selección, que nos dan todas as ferramentas que necesitamos.

Nas redes sociais amosas o teu compromiso coa igualdade de xénero. Cres que queda moito por avanzar neste sentido no deporte? 

Pois si, queda moito pero, pouco a pouco, vamos chegando. As mulleres están conseguindo, se non os mesmos, máis éxitos que os homes nestes Xogos. É un pracer que non se faga ningunha diferencia nos premios, sexas home ou muller, pero hai que seguir pelexando pola igualdade. Xa non tanto no deporte, porque creo que, polo menos nos Xogos, existe unha igualdade pero na vida cotiá hai que seguir traballando diariamente.

Selección Española de baloncesto en cadeira de rodas con Alejos e Lorenzo - PARALIMPICOS
Selección Española de baloncesto en cadeira d.e rodas con Alejos e Lorenzo – PARALIMPICOS
Compartir en