Adrián Mosquera, competindo coa Real Federación Española de Piragüismo - RFEP
Adrián Mosquera, competindo coa Real Federación Española de Piragüismo - RFEP

Adrián Mosquera: “Ser o primeiro piragüista galego nuns XX.PP. é un fito que agardo anime a outros deportistas a probar esta modalidade”

  • “Creo que Galicia pode ser referente no paracanoe, este ano somos moitos máis, en total uníronse unhas cinco ou seis personas novas, así que creo que imos por bo camiño”
  • “Aos Xogos Paralímpicos vou coa ilusión de intentar facelo o mellor posible, vou para gañar”
  • “Unha vez pase Tokyo 2020, poñerei os ollos de cara París 2024”

Nos seus comezos no mundo do piragüismo, Adrián Mosquera Rial estaba moi lonxe de imaxinarse que sería o primeiro piragüista galego en asistir a uns Xogos Paralímpicos. Estréase ademais nunha modalidade que tamén fai a súa aparición por primeira vez en Tokyo 2020: a Canoa Va’a. Foi aló polo 2013 cando este rianxeiro, impulsado por un familiar, se lanzou de cheo ao mundo do piragüismo. O padexeiro do Club Rías Baixas de Boiro recoñece que a constancia e o traballo, así como un toque de sorte, foron a chave para chegar a participar por primeira vez na competición deportiva por excelencia, remando nas categorías KL3 e VL3 de 200 metros. Ao longo da súa traxectoria, Mosquera autodescubriuse como deportista, sempre aberto a coñecer as diferentes modalidades no piragüismo, todo isto mentres, como el mesmo indica, se lle poñían diante oportunidades que non dubidou en coller e que o levaron ata onde se atopa agora.

Tokyo 2020 serán os teus primeiros Xogos Paralímpicos, un fito na túa carreira, presumo?

Si. Cando empecei no mundo do piragüismo non tiña moi claro a onde chegar. Comecei aló polo 2013, cando o piragüismo paralímpico non era unha categoría, só por facer deporte e activarme despois do accidente. Pouco a pouco, a medida que empezamos a adestrar, comentáronme que se ían facer os Paralímpicos en Río 2016. Aí foi cando comezamos a enfocar a miña preparación, porque podía existir unha remota posibilidade de, algún día, ir aos XX.PP. Fóronse conseguindo os obxectivos e ao final, aquí estamos.

Adrián Mosquera - RFEP
Adrián Mosquera – RFEP

Es o primeiro piragüista galego en participar nuns Xogos Paralímpicos, que supón para ti abrir ese camiño?

Para min é un fito, iso o primeiro. E por outra parte, espero que a miña, entre comillas, fazaña, sirva para que outros deportistas discapacitados se animen a probar este deporte e que sexamos moitos máis nesta familia de galegos no mundo do piragüismo.

Compites ademais nunha modalidade, a Canoa Va´a, que se estrea este ano nos XX.PP. Cres que isto inflúe na competición ao non ter referentes previos?

Si que inflúe. Digamos que antes non había nivel na canoa porque como non era paralímpica ninguén se preocupaba desa categoría, senón que, obviamente, onde podías sacar os resultados era en kayak. Isto ata que anunciaron, xa hai case cinco anos, que a canoa ía ser paralímpica, e a partir de aí toda a xente empezou a interesarse nela, aumentando ano tras ano o nivel. Actualmente, é unha categoría que, quizais, é incluso máis competitiva que o kayak.

Cres que Galicia pode convertirse en referente nesta modalidade?

Eu creo que si, porque xa de por si aos galegos nos gusta moito o remo e o piragüismo. Obviamente as persoas con discapacidade somos bastante menos, pero eu creo que si, que todo isto vai valer para que haxa xente galega que se anime e que empece a practicar piragüismo. De feito, este ano xa en temas de paracanoe galego somos moitísimos máis, en total uníronse unhas cinco ou seis personas novas, así que eu creo que imos por bo camiño.

Adrián Mosquera - XUNTA DE GALICIA
Adrián Mosquera – XUNTA DE GALICIA

Nos XX.OO. o piragüismo galego deu alegrías, esperas continuar a súa estela de éxitos?

Eu vou coa ilusión de intentar facelo o mellor posible, sen presión. Hai moita competencia, tanto podo quedar primeiro, segundo ou terceiro como último, porque, de feito, acaba de ser a Copa do Mundo de Paracanoe e os cinco primeiros estivemos todos en medio segundo. Sabemos que podemos facelo ben, pero non deamos nada por feito porque son uns Xogos Paralímpicos e todo o mundo vai ir a tope, temos que ir sempre cos pes na terra. Aínda así, estou entrenando e vou a gañar, espero poder facer un bo papel. 

Como están a ser os preparativos físicos para participar nun encontro tan importante?

É un pouco a preparación que facemos sempre, pero temos que seguir aumentando as semanas de adestramento. Coa planificación que temos hai algunhas moi duras, nas que se require de dobrar sesión e moito ximnasio co obxectivo de preparar da mellor forma a competición e intentar chegar o mellor posible a esas datas.

E os psicolóxicos?

Conforme a isto, estamos a estudar a regata, todo o que vén sendo a saída, como poñerse, a concentración previa e incluso xogos mentais para que che pase o tempo un pouco máis rápido e non poñerse nervioso neses momentos.

Adrián Mosquera - XUNTA DE GALICIA
Adrián Mosquera – XUNTA DE GALICIA

Cando comezaches a ver que tiñas opcións de ir a uns Xogos Paralímpicos e, quizais, traer algún dos metais?

Iso foi sobre todo aló polo 2015, cando empecei a ir a competicións nacionais e empezou a haber a categoría de paracanoe. Nese momento houbo reunións coa xente do club e cos adestradores desta modalidade para ver que proxecto había e que posibilidades tiña eu daquela de cara a Río 2016. Eu xa sabía que para eses Xogos Paralímpicos estaba moi verde, pero  foi aí cando tiven unha reunión co meu adestrador para artellar a base da miña preparación física para chegar, xa hoxe, aos Paralímpicos. Foi un proxecto a longo prazo. 

Unha vez rematen os xogos, tes xa a vista o próximo reto a conseguir?

Ao acabar os xogos faremos unha parada de descanso, pero antes de finalizar a tempada imos ter por primeira vez un Campionato de España de barco dragón, en Asturias. Esta modalidade estase a poñer de moda e consiste basicamente nunha canoa como coa que vou remar en Toquio, pero unha traiñeira con 20 persoas. A ver o que sucede.

Segues entón descubrindo novas opcións e retos.

Efectivamente, a cuestión é, cada pouco tempo, intentar conseguir obxectivos para estar motivado. Ademais, aínda que non competín aínda en Tokyo 2020, unha vez pase poñerei un pouco os ollos de cara a París 2024.

Compartir en