Adrián Mosquera
Adrián Mosquera

Adrián Mosquera: “Estou máis preparado tanto a nivel físico como mental”

  • “Coñezo a cada un dos meus rivais e sei por onde van ir os tiros”.
  • “Cando vin que, pese a todo o que adestraba co caiac, non era suficiente, pois intentei cambiar de modalidade e probar coa canoa”.
  • Sobre o seu accidente: “Vida só hai unha e temos que aproveitala, tirar para adiante para poder desfrutar dos nosos seres queridos e das oportunidades que nos queden” .

 

O padexeiro de Rianxo Adrián Mosquera afronta os seus segundos Xogos Paralímpicos en París 2024 con confianza en que poderá facelo mellor que en Toquio, de feito fala de aspirar a medalla. Compite na categoría Vl3 C1 200 m.

Adrián Mosquera
Adrián Mosquera

– Son os teus segundos Xogos Olímpicos. Con que expectativas vas e como os encaras?

Pois os primeiros foron un pouco o inicio e agora nestes segundos espero estar pelexando polas medallas, despois as medallas chegarán ou non, pero polo menos estar nesa final e pelexalas.

– Iso che ía dicir: en Toquio non puido ser, pero agora veste con máis posibilidades? Estás máis preparado?

Si, si, tanto a nivel a nivel físico como mental. Xa non me pilla isto de novo, xa vou tendo unha experiencia e iso xa vén ao meu favor. Os rivais que me vou atopar aí en París son os mesmos cos que estou sempre no Europeo e no Mundial e entón tamén coñezo a cada un e sei por onde van ir os tiros e estou moitísimo máis preparado.

– Claro, ser veterano axuda, saber que vas atopar.

Efectivamente. Xa pasan os anos e tanto iso como saber situarme nas competicións  como á hora de adestrar e todo, hai un salto.

Adrián Mosquera: “Fixen a primeira parte da miña carreira en caiac”

– No seu día pasaches do caiac á canoa e comezaches a mellorar resultados. Que pasaba co caiac? Para os que non coñecen este deporte, hai moitas diferenzas entre ambos?

Eu fixen a primeira parte da miña carreira en caiac e a máxima diferenza é que en canoa se rema por un lado e en caiac polos dous.

E en caiac no deporte adaptado digamos que nesa categoría na que estaba eu era un pouco máis inxusta porque daba lugar a que houbese máis diferenzas entre capacidades. Eu uso unha prótese e pelexaba contra xente que tiña pernas e que tiña outro tipo de discapacidade que era menor.

Estaba vendo que por moito que adestraba ao fin e o cabo esa discapacidade miña pois estábame limitando un pouco bastante con respecto a esa xente. Cando vin que, pese a todo o que tiña que adestrar, que non era suficiente, pois intentei cambiar de modalidade por probar. A verdade non é que sexa máis fácil, o que pasa é que era todo ou nada. Entón probei, afortunadamente no meu club había xente canoísta que me ensinou un pouquiño o camiño para adaptarme rápido e en cuestión de ano, ano e medio, xa estiven en condicións de poder cambiar de categoría.

Adrián Mosquera
Adrián Mosquera

– E xa foi aí todo para arriba.

Si, pero porque digamos agora na miña categoría, pois estamos máis igualados. A marxe en caiac é máis ampla en termos de discapacidade e en canoa é un pouquiño máis complicado poder entrar nesa categoría e require discapacidades más específicas para poder estar nela. Entón, ao que dá lugar é a que todos os que estamos na categoría de canoa estamos practicamente coa mesma discapacidade, que son amputacións, sexan dunha perna ou outra e iso á hora de competir estamos en igualdade de condicións.

– E xa que falamos de competir, como te preparas para os Xogos? Ao ser un deporte ao aire libre, entendo que practicas na contorna, cando te desprazarás a París?

Pois si. O problema dos deportes ao aire libre é que estamos condicionados pola climatoloxía, polo vento e entón nós, por exemplo, neste caso estivemos aquí esta semana adestrando na pista, en Francia, porque é unha pista un pouco complicada porque está nunha orientación un pouco rara e os ventos soen vir laterais, de dereita ou esquerda, entón iso á hora do padexado inflúe bastante.

Entón, claro, tendo iso en conta, tanto aquí en Francia como despois, eu adestro en Verducido, en Pontevedra, temos que buscar sempre esas condicións, as máis similares posible para cando chegue a hora da verdade estar ben preparados.

Adrián Mosquera / RFEP
Adrián Mosquera / RFEP

Claro, e marchades antes para seguir practicando alí?

Pois eu compito do 6 ao 8 de setembro, pero despois o momento de marchar, pois aínda non o sei. Iso teno que decidir o Comité Paralímpico, pero aínda non temos esa información.

– Cal é a rutina dun deportista paralímpico para que a coñeza todo o mundo?  Non debe ser fácil para estar preparado chegado o momento.

A ver, a rutina é que tes que estar disposto todas as horas do día para adestrar e despois, no meu caso, pois esperto, almorzo e teño sesión de auga pola mañá. Despois toca ximnasio e dependendo dos niveis de carga nos que esteamos, porque iso depende, e hai que “fiar fino” para tampouco sobreadestrar, pois se toca adestrar pola tarde e facer unha mestura tanto de sesión de ximnasio, hipertrofia, como expresividade e despois na sesión da auga, tanto que sexa unha primeira parte da temporada, que normalmente o que facemos é intentar gañar volume de adestramento. Posteriormente empezan as probas máis específicas. Eu compito en 200 metros entón iso require dunha explosividade e duns adestramentos específicos.

Despois esa segunda parte xa son adestramentos moito máis curtos, intensivos, á máxima velocidade. Pero claro, previamente necesito primeiro acumular toda esa capacidade de osíxeno para poder facer despois en boas condicións o adestramento intensivo.

Adrián Mosquera / RFEP
Adrián Mosquera / RFEP

– De cantas horas falamos máis ou menos de media ao día?

De media, pois mira, eu adestro ao día ponlle que catro ou cinco horas.

É para que a xente se faga unha idea do que supón. Porque ás veces a xente non sabe o que supón.

Si, a ver, isto é un traballo, basicamente. Obviamente gústanos, porque nos gusta, pero require de moito tempo e require de apoio, apoio como por exemplo o que dades vós (a Xunta). A axuda tanto da Xunta como doutras bolsas do Consello Superior de Deportes, unido aos patrocinios persoais de cada un, pois iso ao facer un deporte minoritario é ao que nos temos que agarrar para poder dar o máximo nivel.

– Imos pensar en positivo, que sería o primeiro que farías se logras, xa non digo ouro, pero polo menos podio?

Buf (bufa en positivo), pois o primeiro que faría sería ir correndo dar as grazas e abrazar o meu adestrador e a miña familia, vamos, iso máis claro que a auga.

Adrián Mosquera no Campionato de Europa de 2024 / RFEP
Adrián Mosquera no Campionato de Europa de 2024 / RFEP

– Vas acompañado entón, tes o adestrador e levas a familia.

Si, efectivamente. O adestrador aínda non sei se vai vir comigo como adestrador ou se ao final ten que ir co meu presi para as bancadas. Estamos aí pendentes de ver en que queda a cousa.

– Ben, pero estará alí fisicamente.

Si, si, exacto.

– E xa para rematar, imos un pouco ao persoal. O teu accidente foi, creo que con 12 anos, se non me equivoco, e foi unha experiencia persoal, caramba, moi dura para esa idade. Pero lin por aí que o levaches moi ben, non sei se porque non eras consciente do que implicaba ou que.

Iso foi a cousa. Pasoume de moi pequeno e, como digo sempre, un pouquiño, pois foi a ignorancia da vida, dos problemas que hai cando es maior. Eu como vin que ía facendo cousas e que pouco a pouco me ía recuperando, pois fun explorando, sabes?

Ademais, a miña contorna en ningún momento me deu para atrás, nin a miña familia, nin os médicos, nin nada, entón funme adaptando á prótese.

Tamén hai que dicir que no meu caso, pois foi un accidente complicado e a raíz diso tiven unha amputación, pero non estiven mal para que me afectase a outra parte do corpo, a outra perna, a cadeira, entón iso pois axuda moito a levar esa ilusión.

Adrián Mosquera
Adrián Mosquera

– Que podería ter sido moito peor, vaia…

Claro, efectivamente. Entón, pois iso, fun facendo cousas pouco a pouco e cando me quixen dar conta, pois estaba facendo practicamente vida normal. Obviamente, sempre hai algunha complicación que antes non tiña, pero a verdade é que súper ben. A día de hoxe podo facer a vida, home a un 100 % nunca, pero a un 95 ou 90 %, pois si.

– Que ben! Pois mira, precisamente quería que mandases unha mensaxe para alguén que pase por algo similar tanto de adulto como de neno. Non sei se lle podes transmitir algún pensamento positivo?

Pois eu o que lle podo dicir é que independentemente da idade que teña ou da situación na que estea é que vida só hai unha e temos que aproveitala. E polo menos intentar tirar para adiante para poder desfrutar dos nosos  seres queridos e de intentar aproveitar as oportunidades que nos queden porque vida só hai unha e, na miña opinión, como eu penso, haina que aproveitar e vivir.

Compartir en