Adrian Ben 800m EFE -EPA- VALDRIN XHEMAJ 2
Adrian Ben 800m EFE -EPA- VALDRIN XHEMAJ 2

Adrián Ben: “En París haberá que intentar repetir o quinto posto de Toquio ou melloralo”

  • “Síntome moi arroupado tanto por Galicia como por Viveiro, o meu pobo”.
  • “Os demais tamén corren, así que se fago a miña marca persoal e me eliminan en primeira ronda, eu dei o mellor de min”.

 

*Aclaración: A entrevista realizouse antes de que Mohamed Attaoui conseguise o récord de España o 12/07/2024.

Estes serán os segundos Xogos Olímpicos para o corredor de Viveiro (1998) Adrián Ben. Pese á súa traxectoria e currículo deportivo, a competencia na proba de 800 m, que é na que estará en París 2024, estaba tan disputada que ata o último momento estivo pendente de saber se estaría ou non nesta ocasión. Na lista están finalmente tamén o campión de España Mohamed Attaoui e Elvin Josué Canales. Os tres serán o tridente español nesta carreira.

Adrián Ben foi diploma olímpico en Toquio 2020 ao cruzar en 5.º lugar a liña de meta na proba dos 800 m. Agora aspira a, como mínimo, repetir posto.

Adrian Ben 800m EFE - JUAN IGNACIO RONCORONI
Adrian Ben correndo os 800m en Toquio / EFE – JUAN IGNACIO RONCORONI

– Recibiches o pasado 3 de xullo a confirmación de que ías estar nos teus segundos Xogos Olímpicos. Que sentiches nese momento? Máis alegría ou máis alivio por ter confirmada a praza?

Aínda que quedei terceiro a unhas centésimas do segundo no Campionato de España, o certo é que estaba máis en dúbida ese segundo posto có meu. Hai un pase por criterios técnicos e eu sabía que era o primeiro que cumpría todos os criterios ‘a rajatabla’. Co cal unha vez que estaba entre os tres primeiros nacionais, era seguro. De non ter estado nese podio, si me tocaría agardar. Co cal estaba moi decidido, pero ver o teu nome na lista non deixa de ser unha explosión de xúbilo.

É diferente con respecto á primeira vez. Séntese máis satisfacción porque ves que aínda estás aí. Hai xente que o fixo moi ben. Sempre me gusta pór o exemplo de Mariano (García), que é campión do mundo e de Europa e, non obstante, non é olímpico. Esas cousas fanme ver que isto é moi difícil e por iso hai que valoralo estando moi feliz.

– É un premio á regularidade. Adrián Ben é o único español que estivo en todas as competicións continentais e internacionais desde o 2019 de xeito ininterrompido.

Si. Sei que moitas veces xa o damos todo por feito, pero vendo como está a proba, creo que fala moi ben do meu adestrador e do resto do equipo. Estamos facendo un bo traballo. Porque todo o mundo pode conseguir unha internacionalidade, pero facelo tan seguido é algo moi difícil e quere dicir que estamos na liña que queremos estar.

Adrian Ben 800m EFE - ALBERTO ESTEVEZ
Adrian Ben correndo os 800m nos Xogos Olímpicos e Toquio / EFE – ALBERTO ESTEVEZ

– Ademais, é que dá a sensación que a competencia interna medrou moito máis dun tempo a esta parte, coas aparicións de Mohamed Attaoui e Elvin Josué Canales. Entendo que para ti é unha motivación extra.

Eu sempre poño o exemplo da miña parella, Águeda (Marqués). Ela compite nos 1.500 metros xunto a Esther (Guerrero). Dígolle: ‘Entendo que estás nerviosa porque tes que facer a túa marca. Pero imaxina ter a marca e non saber se vas poder ir’.

É que o 800… No 2018, Saúl (Ordóñez) bateu o récord de España e Álvaro (de Arriba) foi campión de Europa. No 2019, eu fun finalista mundial. No 2020 non tivemos nada pola COVID, pero no 2021 fun finalista olímpico. No 2022, Mariano foi campión de Europa e do mundo. No 2023, eu fun campión de Europa… É dicir, case todos os anos está habendo éxito no 800. E noutras probas, apenas existe un atleta que en toda a historia de España conseguiu un título. Iso fala do nivel e da competitividade que hai, porque todos queremos estar aí. Poder loitar contra xente así tamén fai que suba o noso nivel.

Adrián Ben: “Chegamos aos Xogos nun estado moi bo”

– E como chega Adrián Ben aos Xogos? Porque vés de ser terceiro nese Nacional,  que che dará rabia, pero o teu ano pasado foi moi bo con ese título europeo en pista cuberta.

Aínda que pareza que non, teño a mellor marca española do ano. Parece que non, pero fun campión de España o ano pasado e neste 2024 ninguén correu máis rápido ca min. Chegamos nun estado de forma moi bo. Estas últimas fins de semana xa o puidemos demostrar en Madrid e en La Nucía.

Ao final, Attaoui foi o evidente campión de xeito moi merecido. Como dis, si que me dá rabia non ter conseguido ese segundo posto porque creo que o merecía. Foi un despiste que non me significa nada en ningún ámbito. Simplemente cambia a cor da medalla. Pero a nivel de orgullo, non me gusta regalar nada e menos medallas a outros atletas. Así que teño a lección aprendida e sei que debo ir ata o final.

Así que chegamos aos Xogos nun estado moi bo. Aínda queda un mes de adestramento por diante, que é o que necesitamos. Ao Europeo chegariamos ao 80 %, a este Campionato de España ao 90 % e agora aos Xogos, o noso principal obxectivo, imos chegar con todo.

– Como son estas últimas semanas de preparación?

Depende moito de cada sistema de adestramento. Eu podo falar do noso, que é un sistema de adestramento no que cargamos moito. É dicir, facemos unha base moi grande de quilómetros. No mes de abril estivemos 26 días en Font-Romeu (Francia). E pouco a pouco imos collendo forma en competición.

O que pasou foi que houbo un Europeo de por medio, polo que tampouco puidemos coller esa forma que nos gusta un pouco antes porque había que competir. Pero agora temos tres semaniñas por diante para seguir afinando, facendo adestramentos de poucos quilómetros pero moi intensos para coller, pouco a pouco, esa velocidade que fai falta para competir ao máximo.

Hai moitísimo máis nivel este ano que hai tres xa só mirando o ránking a nivel mundial. Estanse facendo marcas entre os 10 mellores da historia, co cal é evidente que a competencia vai ser durísima.

– Fuches quinto en Toquio case por sorpresa. Entendemos que estes Xogos de París son os da túa confirmación? Sen falar de posicións, é o momento de deixar de ser ese rapaz de 23 anos para converterse nun atleta consolidado que vai estar para loitar polo que sexa?

Si, moita xente ría de que eu ía aos Xogos Olímpicos a mellorar o meu sexto posto de Doha en 2019. Pero isto é así: se non o penso eu, non me vai crer ninguén. Para nós foi unha grata sorpresa entre comiñas. Adestramos para iso e ía cunha das mellores marcas, polo que necesitaba un pouquiño de sorte. Ao final foi suficiente e acadamos unha final, algo que ningún español lograra ata entón.

Adrian Ben 800m EFE - JUAN IGNACIO RONCORONI
Adrian Ben correndo os 800m nos Xogos Olímpicos e Toquio / EFE – JUAN IGNACIO RONCORONI

E de cara a estes Xogos, haberá que intentar repetir ese quinto posto de Toquio ou melloralo. Sei que é moi difícil. Hai moitísimo máis nivel este ano que hai tres xa só mirando o ránking a nivel mundial. Estanse facendo marcas entre os 10 mellores da historia, co cal é evidente que a competencia vai ser durísima. Pero o ano pasado cheguei como número 22 ao Mundial e regresei cuarto. Creo que os campionatos son o noso.

Toco madeira para que as lesións e a sorte estean do noso lado. Imos a París competir por todo e aínda que non esteamos entre os favoritos, intentar loitar pouquiño a pouco e ronda a ronda.

Se fago a miña marca persoal e me eliminan en primeira ronda, eu dei o mellor de min. Se fago unha carreira intelixente, eu dei o mellor de min. Os demais tamén corren. Así que imos centrarnos en traballar e unha vez alí, ser o máis intelixente posible.

– Marcas un obxectivo de tempo ou de posición? Ou iso é imposible neste 800 no que, ademais, existe un alto compoñente táctico?

Non, non. Isto son uns Xogos Olímpicos e aquí corre ‘todo Dios’. Todos queren gañar e só pode facelo un. Así que hai que respectar todas as marcas e todos os meus rivais. O único que podo facer é estar contento de poder facer as miñas mellores carreiras. Se as fago e estou no meu mellor estado de forma, sei que son capaz de pasar de rondas ata o final.

Polo tanto, non podo estar pensando no que fan os demais. Se fago a miña marca persoal e me eliminan en primeira ronda, eu dei o mellor de min. Se fago unha carreira intelixente, eu dei o mellor de min. Os demais tamén corren. Así que imos centrarnos en traballar e unha vez alí, ser o máis intelixente posible.

– Os Xogos Olímpicos son o cumio para un deportista, pero visto desde fóra, non é un pouco inxusto que o voso traballo se mida só polo que facedes nun só día cada catro anos? Ti vés de ser campión de Europa e de facer grandes papeis nos Mundiais, pero se non fas uns grandes Xogos, non se che ten tan en conta.

Benvido ao deporte de alto nivel. Así funciona. No deporte de alto nivel inténtase buscar o máximo rendemento e as medallas. Eu xa dixen que en Toquio pareceume unha auténtica barbaridade a diferenza que hai entre quedar cuarto e terceiro.

E sempre poño o exemplo de que cando volvín, unha persoa díxome: ‘Non te preocupes, que dentro de tres anos podes volvelo intentar’. E dixen: ‘Como? Se acadei o mellor posto da historia dun español’.

É que estamos acostumados ás medallas e España ten un nivel deportivo altísimo en moitas probas. En atletismo entran moitos factores. Entre eles, o factor África, que son unha gran potencia. Entón, non debo preocuparme de se teño máis ou menos repercusión. Fago o deporte que máis me gusta e teño a sorte de dedicarme á miña paixón. Con iso é suficiente. E se ademais a xente recoñece o traballo, é unha ledicia a maiores.

Si, imos sete atletas galegos aos Xogos e iso demostra que estamos facendo as cousas moi ben. Todos os deportistas galegos demostran unha ambición e unha calidade supremas e estamos loitando polos nosos soños e polos de moita xente.

– España está forte no 800. Pero noutras disciplinas de atletismo non termina de sacar a cabeza como si está a facer, por exemplo, un país veciño como Italia. Non obstante, dous dos grandes atletas nacionais e ‘estrelas’ sodes galegos: ti e Ana Peleteiro. Entendo que iso tamén demostra que algo ben se estará a facer en Galicia.

Si, imos sete atletas galegos aos Xogos e iso demostra que estamos facendo as cousas moi ben. Todos os deportistas galegos demostran unha ambición e unha calidade supremas e estamos loitando polos nosos soños e polos de moita xente. Hai uns grandes equipos detrás e, ademais, eu síntome moi arroupado tanto por Galicia como por Viveiro, o meu pobo.

Adrian ben 800m EFE -EPA- VALDRIN XHEMAJ
Adrian Ben correndo os 800m nos Xogos Olímpicos e Toquio / EFE -EPA- VALDRIN XHEMAJ

– Para rematar… para Adrián serán uns Xogos moi especiais por ser os segundos. Pero vivilos coa túa parella seguro que lle dá un matiz aínda máis bonito. Sobre todo despois do que tivo que sufrir para conseguir a praza.

A verdade é que foi unha semana moi dura, non te vou enganar. Houbo moitísima presión porque nos xogamos todo o traballo non dun ano, senón de tres. Pensa que mesmo hai xente que sabe que non vai optar nunca máis a uns Xogos porque son cada catro anos.

No caso de Águeda, só lle quedaba unha oportunidade (o Campionato de España de La Nucía). Polo que case é tan importante o adestramento como saber manexar a presión. Pero canto máis difícil son as cousas, máis se desfrutan despois. Así que imos poder vivir a experiencia de ser olímpicos e ademais de ser olímpicos xuntos. Para min é un soño cumprido.

Compartir en