- “Gústame gozar disto e só así considero que se chega a un lugar inimaxinable”.
- “O apoio da miña xente e a confianza cega do meu adestrador son claves para a miña tranquilidade”.
- “Non me arrepinto de nada. Creo que todo forma parte dun camiño e non cambiaría nada. Só desexo que algún día non haxa barreiras en ningún ámbito, sobre todo no deporte”.
Adiaratou Iglesias naceu en Bamako (Mali, 1999) pero é unha galega máis desde que chegou á nosa terra. Ten albinismo, unha condición xenética pola que só ten un 10 % de visión, pero isto nunca foi un obstáculo na súa carreira ao Olimpo das velocistas paralímpicas. Este ano poñerá a proba a súa forza, resistencia e mentalidade nos Xogos de París.
– Ouro e prata. Quen busca o teu nome en Google atoparase cun palmarés envexable. Que lle pide unha referencia nacional do atletismo adaptado coma ti a estes Xogos Paralímpicos?
Chegar e pelexar, como fago sempre. Xa teño todo o que soña un deportista.
– Como te preparaches? Como enfocaches o teu corpo e mente á raíña das competicións?
As nosas preparacións son complicadas de explicar, pero o que si que sei é que nos atopamos moi ben de cara a París 2024.
– Estes son os teus segundos Xogos, correcto? Que melloraches con respecto aos de Toquio e que diferenzas notas? Enfróntalos con máis seguridade?
Si, estes son os meus segundos Xogos. A diferenza deste ao anterior é que non hai COVID e poden vir vernos os nosos familiares e, sen dúbida, que tamén teño moita máis experiencia que antes.
– Sempre estivo nos teus plans ir a uns Xogos? Soñabas con isto cando eras pequena?
Non, non sempre foi o meu obxectivo. Sempre fun de pensar en ir paso a paso, primeiro as competicións máis pequenas e cada vez que melloraba os meus obxectivos ían mudando tamén, claro.
– Compites en T13? Correrás os 100, 200 e 400 metros? En caso afirmativo, preparácheste para todos de igual forma? En cal te sentes máis cómoda?
Como sempre dixen o 400 non é a miña proba, polo tanto non o estou preparando especificamente dado que é incompatible coa preparación do 100. Así que en París é unha proba máis e un reto persoal facela pero non é unha proba que estea preparando coma o 100.
– Quen é a túa rival para bater ou a quen ves máis forte?
A miña rival son eu mesma e cada día quero superarme, independentemente dos demais compañeiros. Obviamente son competitiva e o feito de competir coas rivais doutros lugares do mundo axúdame a superarme máis e a rebaixar a miña marca. Nunca tiven en mente como obxectivo principal un récord nin unha medalla, iso é secundario. Gústame gozar disto e só así considero que se chega a un lugar inimaxinable.
– Segues competindo con atletas sen discapacidade?
Si, sigo competindo.
– Hai tempo dixeras nunha entrevista para os Xogos de Toquio que debido á túa discapacidade visual memorizabas as pistas. Que ‘trucos’ ou recomendacións compartirías coas persoas que teñen a mesma discapacidade ca ti e que queren facer atletismo (tanto como afección como a nivel deportivo profesional)?
– Si, ao principio tiña que memorizar todo pero co paso do tempo a verdade é que as cousas saen en automático, dado que sempre adestramos no mesmo sitio.
– Que cousas che provocan inseguridade? Cal é o teu maior medo ao competir?
Non sei exactamente que cousas me dan inseguridade, pero si que é verdade que necesito moito o apoio da miña xente e a confianza cega do meu adestrador. Son claves para a miña tranquilidade.
– Como foron os teus inicios no atletismo? Sufriches algunha discriminación pola túa condición de albina e a limitación visual que leva aparellada?
Por sorte o atletismo penso que é un lugar, un deporte no que non hai conflitos nin discriminacións. Eu nunca sufrín nada parecido no meu deporte.
Adiaratou Iglesias: “Sen a miña nai isto non sería posible”
– Tes algún referente no mundo do deporte paralímpico e a nivel xeral?
No mundo do deporte paralímpico teño coma referente a Teresa Perales e fóra del o meu referente é Rafa Nadal.
– Como valoras o nivel do atletismo adaptado español?
Aínda hai moito que mellorar, hai que mostrar máis o mundo do deporte adaptado.
– Desde cando estás na Residencia Blume?
Dende 2021.
– Que sacrificios supuxo e supón querer ser a mellor na túa disciplina? Que cousas terías cambiado? Hai algo do que te arrepintas de facer ou non facer?
Non me arrepinto de nada, a verdade. Creo que todo forma parte dun camiño e non cambiaría nada. Só desexo que algún día non haxa barreiras en ningún ámbito, sobre todo no deporte.
– Quen foron os teus piares ao longo da túa carreira deportiva?
A miña nai, xa que sen ela isto non sería posible.
– Onde te ves dentro de 10 anos? Gustaríache traballar en algo ligado co atletismo adaptado ou preferirías deixar esa etapa a un lado para comezar outra?
Eu creo que me vexo ligada ao mundo do deporte.