- O feito de que puidera facer o 400 a un tempo tan rápido como no Europeo, iso axudoume a nivel psicolóxico.
- Cando corro non quero depender de ninguén.
- Calquera persoa con discapacidade pode chegar a competir con persoas sen discapacidade, sempre e cando fagas as marcas que che piden, non é unha barreira ter discapacidade.
Adi Iglesias, lucense de adopción, é unha das grandes promesas do paralimpismo galego para Tokyo 2020. Con só 22 anos de idade e un albinismo que limita a súa visión, a atleta non só compite con grandes resultados en campionatos de persoas con discapacidade, senón que tamén acada as mínimas para os torneos de persoas sen discapacidade. Sendo campioa galega, de España, de Europa e subcampioa mundial, só lle queda por conquistar o podio duns Xogos Paralímpicos.
Competirás nos 100 e nos 400 metros. Preparas as dúas probas por igual, ou dáslle prioridade algunha?
Si, as dous probas prepáranse por igual. Eu son de velocidade máis curta, de 100 e 200, pero o 200 non o teño nos Xogos e decidín meterme no 400. O 400 é unha proba que fago e este ano decidín que por que non facelo nos Xogos se tamén o fago. Pero as dúas probas prepáranse por igual.
Co ouro nos 100 T13 de Polonia superaches a Adzhametova, campioa paralímpica e posuidora do récord mundial. Vencer a esta estrela aumenta a túa confianza de cara aos Xogos?
A verdade é que eu ía ao Europeo sen saber o que ía facer realmente. Sabía que ía para pelexar por medalla pero non polas dúas de ouro. Realmente sorprendinme a min mesma á hora de facer os 400 porque foi unha decisión de último momento. Cambiáronme á categoría T13. Eu era T12 pero non había o 200. Estaba no 100 e no 200 e agora non había o 200, tiven que cambiar ao 400 nese mesmo día.
Entón, decidín facer o 400, que non era unha proba que eu faga internacionalmente. Fágoo en controis e cousas así e non contaba con facelo. É unha proba moi difícil porque tes que saber que ritmo tes que levar e tal e eu son unha persoa que considero que o 400 é unha proba para valentes e eu, nese momento, non me sentía valente para facer esa proba. Tes que estar moi ben preparada psicoloxicamente para a proba porque é longa e polo ácido láctico. Tes que saber a que ritmo tes que ir e eu isto lévoo un pouco mal, pero creo que ao final é a nivel psicolóxico porque puiden facelo e creo que o feito de telo feito demostroume a min mesma que podo facer o que me propoña, que non podo ter medo a esa proba. Que é unha proba que realmente podo dominar. Ao final demostreime a min mesma que si que valía para facer o 400.
Non me podo relaxar por ter gañado a Adzhametova, porque o feito de gañala pode darlle un empurrón a ela, pode vir moito máis forte. Ademais, en xuño aínda non estábamos no noso pico de velocidade máxima, igual ela non estaba no seu pico. Podemos levarnos unha sorpresa en Toquio. Eu irei preparada para loitar e competir como fago sempre, pero sen confiarme demasiado. Vou ir con cabeza, porque se vas demasiado confianza desde o meu punto de vista pódeste levar un chasco. Vou ir correr como sempre fago, a pelexalo, cando chegue á final dalo todo a máis non poder.
Si, isto aumenta a miña confianza de cara aos Xogos porque vou facer o 400 e dáme un plus de confianza de dicir pois si que podes facer o 400, que é unha proba que é válida para min. Pero non me dá a confianza de dicir como vas primeira no ránking e bates o récord de Europa te teñas que relaxar. O dos récords dura pouco. Dáme confianza na proba en si, logo en cuanto a rivais algún pode chegar máis forte ou non.
Chegas nun gran momento, tras os éxitos do Campionato de Europa. O aprazamento dos Xogos xogou ao teu favor?
Diría que axudou un pouco a todo o mundo o feito de que se atrasasen os Xogos e no meu caso eu este ano mellorei moito as miñas marcas en comparación á tempada do ano pasado. Imaxino que o feito de que se atrasasen axudou moito á xente. A min axudoume na miña preparación, porque eu fixen a mínima para os Xogos no 2019 e a preparación era un pouco máis curta. O feito de ter un ano máis axudoume bastante.
Que aspectos puideches mellorar neste tempo extra?
As cousas que mellorei este ano foron a nivel psicolóxico, que mellorei moitísimo, e o feito de que puidera facer o 400 a un tempo tan rápido como no Europeo, iso axudoume a nivel psicolóxico. Agora sei a que ritmo teño que ir no 400 e mellorei moitísimo nas saídas do 100 e do 200, saio moito máis rápida, que eu non era tan rápida en reacción. Estou moi contenta porque mellorei un montón neses dous aspectos que son moi importantes, cruciais para este deporte, a saída e estar preparada a nivel psicolóxico.
Nos campionatos compites baixo a clase T13, en que consiste?
Compito coa T13 porque reclasificáronme no Europeo, agora son T13 non T12. A T13 consiste en que son das que máis ve entre as persoas con discapacidade visual. As que peor ven son as de T11, que son as cegas totais e T12, que ven un 70% e que ven pero precisan da axuda de alguén, un guía, poden collelo ou non. E eu estaba clasificada anteriormente nesta categoría, pero no Europeo reclasificáronme como T13.
Por que decidiches competir sen guía?
Cando estaba clasificada como T12, decidín correr sen guía porque son unha persoa que compite con persoas sen discapacidade e aínda as cousas non están adaptadas para que o meu guía e eu poidamos pasar a unha final. Nas finais convencionais para persoas sen discapacidade pasan oito persoas, se vou con guía terían que darnos dous postos e aínda non hai unha norma que permita que se faga iso. Ao fin e ao cabo nós temos o noso campionato de España e eu como fago as marcas de persoas sen discapacidade vou competir aí. Creo que iso sería un problema. Como eu era T12 era un problema porque sempre tiña que informar disto e podían poñerme pegas. Teño amigos e amigas aos que lles puxeron pegas para ir a controis, imaxínate a un campionato de España, que iso xa é algo do máis importante.
Por iso decidín correr sen guía e en segundo lugar porque son unha persoa xa de por si dependente da miña nai, que dependo dela para moitas cousas, entón cando corro non quero depender de ninguén porque de momento vexo, mal pero co pouco que vexo pódome manexar eu soa. Entón, se me podo manexar eu soa, por que non aproveitar e seguir así?
Tes competido algunha vez con atletas sen discapacidade. O seguinte obxectivo son os Xogos Olímpicos de París?
Si, son unha persoa que comezou con persoas sen discapacidade. Teño ficha nun club onde non hai ningunha persoa con discapacidade. Despois coñecín o mundo do deporte adaptado. Antes o descoñecía e sempre competín con persoas sen discapacidade, pero ninguén sabía que vexo o pouco que vexo, porque vían que levo gafas e que me manexo ben porque realmente parece que vexo bastante ben pero claro, eu teño as miñas estratexias. Teño que memorizar a pista e cousas así. Á hora de correr como sempre adestrei nunhas pistas pois ao final memorízalas e é algo automático e non fai falta ver para facelo.
Sempre competín con persoas sen dispacidade e a día de hoxe vou a campionatos de España absolutos, da miña categoría, de persoas con discapacidade… Compito máis con persoas sen discapacidade porque me axuda moitísimo, porque adoitan a ser moito máis rápidas que eu e eu son unha persoa competitiva e sempre quero poñerme á altura delas porque sei que podo.
Calquera persoa con discapacidade pode chegar a competir con persoas sen discapacidade, sempre e cando fagas as marcas que che piden, non é unha barreira ter discapacidade. Ás veces é inviable facer certas cousas con persoas sen discapacidade, pero hai moitas cousas que podemos facer con persoas sen discapacidade e no meu caso eu estou facendo marcas que valen para persoas sen discapacidade e sempre o aproveito para ir con elas e competir con elas. Isto axúdame moito a mellorar e a superarme.
Non sei se os próximos obxectivos son os Xogos Olímpicos, o meu obxectivo sempre vai ser ir aos Paralímpicos, logo se se dá a casualidade de que fago a mínima para os Olímpicos pois por que non, porque sería igual de incrible que uns Xogos Paralímpicos, pero o meu obxectivo principal non é ir a uns Xogos Olímpicos. Gustaríame ir, quen non querría ir a uns Xogos, pero sempre o meu obxectivo son os Paralímpicos.
Como foron os teus inicios no atletismo? Sufriches algunha discriminación pola túa condición de albina e a limitación visual que leva aparellada? E polo teu xénero?
O meu inicio no mundo do atletismo comezou en 2014 cando cheguei a Lugo. Eu explicáralle á miña nai adoptiva que me gustaba moito o atletismo, que sempre me chamara a atención e sempre quixen facelo sen saber nin o que era unhas competicións. Eu tiña unha lixeira idea. Pero ata 2014 non puiden comezar no mundo do atletismo.
Non cheguei nunca a sufrir ningunha crítica nin ofensa cara ao meu xénero. Considero que o atletismo transmite uns valores incribles, é un dos poucos deportes nos que non vin discusións ou que a xente se meta con outras persoas nese sentido. O cal agradezo, desde logo, desde que estou no atletismo nunca vin tal cousa, así que super agradecida porque é un deporte igualitario considero, e a verdade é que ningunha protesta e ninguén me dixo nada.
Despois de Toquio, agárdate Madrid. Que te levas de Galicia para seguir progresando na túa carreira?
A idea é para despois de Toquio é quedarme en Madrid, porque xa estou matriculada para comezar na Escuela de Fisioterapia que é o que sempre quixen e á fin cumpriuse. Lugo sempre vai ser o meu fogar. Por min quedaríame alí para seguir adestrando co meu adestrador, porque é unha persoa marabillosa e un adestrador incrible e se fose por min non me iría de Lugo, pero polo tema da carreira téñome que mover. A Escuela de Fisioterapia da ONCE está en Madrid e é a única escola, así que a miña única opción era esta. Pero se fora por min a miña carreira deportiva seguiríaa desenvolvendo en Lugo co meu adestrador en casa, no meu fogar. Ao final non vai ser posible, pero cando volva dos Xogos volverei a Lugo uns días antes de vir a Madrid e logo serán visitas ata que remate a carreira.
Onde estará Adi Iglesias cando deixe as pistas?
Non sei onde estarei no futuro cando deixe as pistas. Imaxino que serei unha fisioterapeuta marabillosa, ao redor do mundo do deporte, coa Selección Española de atletismo para cegos en xeral, exercendo como fisio ou, por que non, traballando nunha clínica ou mesmo montar a miña propia clínica e traballando alí e dando traballo a outras persoas. As tres opcións poden ser posibles.